A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe un paquete de medidas centrais para a mellora das instalacións educativas, o impulso do emprego social, a ampliación dos servizos turísticos e a renovación do parque móbil municipal.
Mantemento de centros educativos e apoio social
Entre os principais acordos destaca a aprobación do expediente para contratar os traballos de mantemento, conservación e reparación dos colexios de Educación Infantil e Primaria e das escolas infantís municipais. O contrato sae a licitación cun orzamento base de 200.000 euros (IVE incluído) e unha vixencia inicial dun ano, prorrogable por dous máis. O gasto estruturarase en dous exercicios: 50.000 euros en 2026 e 150.000 euros en 2027.
No eido social, o goberno local aprobou unha subvención nominativa de 3.000 euros para FADEMGA Plena Inclusión Galicia. Esta achega, que se formalizará mediante un convenio, financiará durante este ano o Servizo de Información e Orientación Laboral (SIOL) e o Servizo de Apoio para o Emprego (SAE) para persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.
Melloras no turismo, medios rurais e hostalería
- Ampliación horaria no turismo: O quiosco de información da Praza Maior prolongará o seu servizo durante o período invernal (do 15 de outubro ao 31 de maio) en horario continuado de 10:00 a 18:00 horas. A medida engade 1.832 horas anuais de atención cun custo de 39.745,79 euros.
- Nova pickup para o rural: A Xunta de Goberno deu luz verde á compra dunha nova furgoneta pickup 4×4 equipada con guindastre e cesta elevadora para os servizos eléctricos rurais, cun investimento de 104.998,96 euros, que inclúe mantemento preventivo e a retirada do vehículo antigo.
- Hostalería no CEI-Nodus: Aprobouse a primeira prórroga da concesión da cafetería-restaurante do centro ata decembro de 2027, mantendo un canon mensual de 706 euros (8.472 euros anuais para as arcas municipais).
Xestión urbanística
No ámbito de licencias e urbanismo, deuse o visto bo á reestruturación integral dun inmoble situado no número 16 da rúa do Progreso, un proxecto dotado con 437.893,14 euros que contempla catro vivendas, espazos non residenciais e unha oficina, suxeito a control arqueolóxico. Así mesmo, rectificouse un erro material na licenza dun edificio na rúa Montirón para axustala aos planos de execución (62 trasteiros fronte aos 60 rexistrados inicialmente).