O PP “decepcionado” con Miguel Fernández por non condenar o veto na Milagrosa e permitir a Tomé chamar “concelleiras de segundo nivel” a dúas edís da súa corporación

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, amosou hoxe a súa decepción co presidente da Deputación, José Tomé, e co alcalde de Lugo, Miguel Fernández, que seguen sen condenar o veto a dúas concelleiras do PP ao pregón da feira da Milagrosa.

Antonio Ameijide lamentou ademais que Tomé “lonxe de condenar a situación semella xustificala” xa que cualificou de “concelleiras de segundo nivel” ás dúas edís do PP que foron vetadas. “A decepción é enorme porque non condenaron o veto e ademais Miguel Fernández permitiu que José Tomé lles faltase ao respecto afirmando que dúas concelleiras da corporación de Lugo son de segundo nivel”, denunciou.

O voceiro provincial popular afirma que o alcalde de Lugo debería de rectificar as declaracións de José Tomé xa que “ningún concelleiro nin concelleira de calquera corporación é de segundo nivel, todos somos representantes dos veciños elixidos democraticamente por eles”.

Antonio Ameijide tamén pregunta a José Tomé se segue insistindo en que o pregón da feira da Milagrosa “era un acto privado” xa que de ser así “PSOE e BNG están a financiar con fondos públicos de todos os lucenses actos privados para cargos socialistas”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios