Un grupo de 10 alumnas do grao en Xestión Industrial da Moda, titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, presentou onte na Fundación María José Jove da Coruña, algunhas das prendas e accesorios que elaboraron no transcurso do obradoiro de upcycling e economía circular titulado «Deseño social e ambiental sustentable. Education 4 the Planet. A mocidade galega activada pola Axenda 2030 e a acción polo clima» que tivo lugar, o pasado mes de novembro, no Centro Cultural Universitario da cidade departamental
Neste Proxecto de Aprendizaxe e Servizo (ApS), impulsado desde a Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) da Universidade da Coruña (UDC) en colaboración coa organización internacional Ayuda en Acción, participaron preto de 60 estudantes do segundo curso do grao en Xestión Industrial da Moda, baixo a titorización da profesora Patricia Muñiz. Unha selección desas prendas e accesorios, fabricadas case na súa totalidade con material de refugallo, foron as protagonistas dunha mostra sobre moda sostible que se presentou con motivo do Foro de Diálogo de Mulleres Activistas polo Clima: unha mirada ao rural e á moda sostible, Galicia-Nicaragua, organizado por Ayuda en Acción Galicia no marco do proxecto Education4ThePlanet (2024-2025).