Continuando coa súa incesante exploración de novas sonoridades e posibilidades para a súa música, Tanxugueiras participan en “Grito”, novo tema incluído en “Flamencas”, o novo álbum de Las Migas que hoxe 30 de maio ve a luz.
En “Grito”, as galegas únense ao cuarteto de flamenco fusión e gañadoras dun Latin Grammy para facer unha reinterpretación libre e poderosa dos cantes abandolaos, inspirados na tradición da Malagueña da Trini, nunha colaboración que transcende fronteiras musicais e xeográficas, dando lugar a un tema que conxuga o flamenco de raíz andaluza coa forza vocal e rítmica do galego tradicional.
Esta fusión cultural poderosa e profundamente conmovedora convértese aquí nun canto de loita, liberade e sororidade e inclúe versos como “Mientras haya una mujer que no tenga libertad, no ahogaremos nuestro grito si ella no puede ser quien quiera ser”, en forma de manifesto cantado e de declaración de principios colectiva a través das voces das sete mulleres. Así, dous universos musicais —o sur e o norte— abrázanse para dar forma a unha das pezas máis impactantes e significativas do novo disco das andaluzas.
Sempre ben preto da tradición e as raíces, o pasado 17 de maio e con motivo do Día das Letras Galegas, Tanxugueiras rendían a súa persoal dedicatoria ás pandeireteiras e á poesía popular oral, homenaxeadas este ano, a través dunha reinterpretación de “O Meu Amor”, canción de Leilía.
O tema é considerado como un dos temas máis influentes do xénero, sendo os seus intérpretes unha das culpables de que Tanxugueiras quixese dedicarse á música. A banda adica esta canción a todas aquelas mulleres que gardaron nas súas gorxas o eco das letras e melodías, sementando nelas a memoria que hoxe nos define.
A peza audiovisual, obra de Trece Amarrillo, acadou o millón de visualizacións en menos de 24 horas. Nela reflíctese a unión entre as tres artistas coa música tradicional, entrelazando as súas trenzas e acomodándose a unha sobre a outra para simbolizar esa comodidade e seguridade que senten ao estar acompañadas. O espazo diáfano e frío contrasta coa calidez das súas voces, non sendo necesario máis para encher grandes lugares.
Onte mesmo o trío galego volveu demostrar que si se pode ser profeta na propia terra, ofrecendo un concerto masivo nunha Praza da Quintana de Santiago de Compostela que quedou pequena, con colas para poder entrar nun recinto que tivo que pechar o acceso ante o aluvión de público que acudiu. Un dos puntos álxidos da noite viviuse coa aparición sorpresa sobre o escenario de Caamaño&Ameixeiras, estreando por primeira vez en directo o seu último tema en colaboración, «Gatiña Mansa».
MAIS SOBRE TANXUGUEIRAS…
Tanxugueiras é o grupo que está a desafiar e cambiando o paradigma musical estatal. Aida, Sabela e Olaia, cun son totalmente diferente pero recoñecible, adaptan a música tradicional galega a estilos actuais para darlle unha nova vida. O grupo galego abriu de cheo as portas do resto de idiomas oficiais do estado no circuíto musical, cultivando éxitos, recoñecementos e gran visibilidade grazas á súa música. Seu é o mérito de manter viva a tradición, o idioma, o folclore e dotalo de novos significados, para levalos ante un público masivo e elevar o foco das distintas culturas e músicas que conviven dentro dun estado.
No seu haber contan con concertos masivos e históricos como o do Coliseum da Coruña, sendo o primeiro grupo en galego en alcanzar o fito de facer sold out no maior recinto pechado de concertos do noroeste do estado. Tamén os celebrados no Auditorio de Castrelos (40.000 asistentes) ou o da praia de Riazor no Festival Noroeste (80.000 persoas), considerado un dos concertos máis multitudinarios da historia en Galicia. O seu éxito transcende a música en directo, cun álbum, «Diluvio», que acumula xa máis de 60 millóns de reproducións en todas as plataformas dixitais e que alcanzou o número 1 de vendas en tendas físicas a semana do seu lanzamento.
O lanzamento de «Pedindo Perdón» ou as súas colaboracións xunto a Shinova, Andrés Suárez, Valeria Castro ou Hard GZ marcaron esta última etapa na que o grupo expandiu a súa influencia a novos fitos, entre os que destacan a súa participación en La Velada del Año, do recoñecido streamer Ibai, ante un Santiago Bernabéu cheo e millóns de espectadores na retransmisión en vivo; ou a interpretación do himno galego no estadio de Balaídos durante a volta tras case unha
década da selección galega de fútbol. Desta forma, o grupo encara un ano no que esperan seguir facendo historia para a música de raíz e as linguas oficiais.
Tras un 2024 no que conquistaron grandes recintos ao longo do estado, cun inicio de xira en Francia, Tanxugueiras segue agrandando o seu legado e esta mesma semana publicaron «Ghatiña Mansa», tema en colaboración co dúo galego Caamaño&Ameixeiras, O seu novo directo, englobado baixo a xira AntesD, conta co carácter máis dinámico e potente visto ata o de agora no grupo, nunha proposta contundente que as eleva á primeira liña da música estatal. Neste 2025 pechan a súa xira cos últimos concertos que as levarán de novo por toda a Península, mostrando a súa continua exploración de novos retos e posibilidades sonoras nos seus temas e directos:
31/05 · Festivala: Mulleres Creando · Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)
27/06 · Festival do Pasatempo · Betanzos, A Coruña
11/07 · BIGSOUND Pontevedra · Pontevedra
26/07 · Festival Intercéltico do Morrazo · Moaña (Pontevedra)
08/08 · Festa da Carballeira · Zas (A Coruña)
14/08 · TBA · Álava
15/08 · TBA · Bizkaia
22/08 · TBA · Plasencia
23/08 · Festival Irmandiño de Moeche · Moeche (A Coruña)
20/09 · Santakurtzak · Galdakao (Bizkaia)