Boyanka Kostova presenta “Trae ese cú”, primeiro adianto do seu novo álbum “X”

No ano do seu décimo aniversario como formación, o dúo arranca co coitelo entre os dentes con este sinxelo, xa dispoñible nas plataformas dixitais.

Hai dez anos dous mozos picheleiros, cuns cantos proxectos musicais ás costas, uníanse ao abeiro do nome dunha competidora de halterofilia búlgara para dar vida a algo que non existía até o momento: o trap en galego. Era o nacemento de Boyanka Kostova.

Moito choveu desde entón, cando Boyanka Kostova serviu de disparador dunha escena que seguiu crecendo e sumando referentes; á vez que eles moveron o seu son cara diferentes frecuencias e expandiron a identidade do proxecto. A formación moveu os marcos para saír dos compartimentos estancos, como demostra o seu novo hit.

Ese código urbantrónico celebra neste 2026 un décimo aniversario que virá acompañado de ‘X’, o novo álbum do dúo galego, un traballo discográfico que verá a luz na primavera. O primeiro adianto é unha canción que se debería tomar como unha declaración de intencións: ‘Trae ese cú’.

Saldando contas persoais e poñendo as cartas sobre a mesa, Boyanka Kostova solta a primeira pedra do que será un exercicio discográfico especialmente expansivo no seu son e cunha ristra de hits impepinables.

Comparte éste artículo
No hay comentarios