O concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, asistirá ao acto, que comezará ás 17:30 horas e recoñecerá o traballo de máis de 400 estudantes de 16 centros educativos da cidade.
O Fórum Metropolitano acollerá este venres, 6 de xuño, a gala final da XXXIV Mostra de Teatro Escolar da Coruña, un acto que servirá de peche e recoñecemento ao traballo realizado por máis de 400 alumnas e alumnos de 16 centros educativos da cidade. O evento dará comezo ás 17.30 h e contará coa presenza do concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego.
A gala supón o colofón dunha edición que se desenvolveu entre abril e maio e na que participaron 25 grupos escénicos de 16 centros de ensino. Durante o acto entregaranse os diplomas e os premios outorgados polo xurado da Mostra, composto polos actores e directores Ramiro Neira e José Leis e pola técnica municipal Ana Judel.
Os premios por categorías educativas son os seguintes:
- Educación infantil (recoñecemento ex aequo):
- «Hércules», da Escola Infantil Municipal Luís Seoane
- «How I became a pirate», do CPR Obradoiro
- Educación primaria:
- «Felipe ten gripe», do CEIP Sal Lence
- Educación secundaria:
- «Ulises», do IES Agra do Orzán
Ademais, o xurado concedeu as seguintes mencións especiais (sen dotación económica):
- Mellor espazo escénico: «Revoltamente», do CPR Santo Domingo
- Mellor vestiario: «Lingua de lata», do CEIP Víctor López Seoane
- Mellor texto orixinal de creación colectiva: «Fuga en el insti», do CPR Fogar de Santa Margarida
- Mellor interpretación musical: «Ciclón», do CPR Santo Domingo
- Mellor creación escénica en inglés: «The hotel for bugs», do CEIP Víctor López Seoane
Para cada unha das categorías deste concurso estableceuse como premio un cheque por valor de 100€ para cada un dos grupos gañadores. Coma na categoría Infantil outorgase o premio «ex aequo» a dous grupos participantes, o premio será dun cheque de 50€ para cada grupo gañador.
Programa da gala final | Fórum Metropolitano – Venres, 6 de xuño
- 17:15 h – Apertura de portas
- 17:30 h – Inicio da gala e entrega das mencións especiais
- 17:45 h – Representación dos grupos de infantil da EIM Luís Seoane e CPR Obradoiro, e entrega de diplomas
- 18:30 h – Reapertura de portas ao público
- 18:35 h – Representación do grupo de primaria do CEIP Sal Lence, e entrega de diplomas
- 19:00 h – Reapertura de portas ao público
- 19:05 h – Representación do grupo de secundaria do IES Agra do Orzán, e entrega de diplomas
- 19:50 h – Peche institucional da gala a cargo do concelleiro Juan Ignacio Borrego
A Mostra de Teatro Escolar enmácase no programa de actividades complementarias promovido polo Goberno de Inés Rey, consolidándose como unha das accións máis recoñecidas no ámbito educativo local. A iniciativa favorece a participación activa do alumnado en proxectos escénicos, promovendo valores como a cooperación, a expresión artística e a aprendizaxe compartida.
Máis información: Gala de entrega de premios de la XXXIV Muestra de Teatro Escolar