Carmela López sinalou que este evento serve “para poñer en valor un dos nosos produtos estrela, e trasladar a esta praza emblemática da capital a ilusión, que cada ano, se vive en Burela coa chegada dos primeiros bonitos, que anuncian o inicio dunha nova campaña do noso adorado príncipe azul”.
A Deputación de Lugo celebrou na Praza de San Marcos a segunda Xornada de Exaltación do Bonito de Burela, unha iniciativa coa que a institución provincial quere contribuír á promoción da Feira do Bonito de Burela, que terá lugar os días 1 e 2 de agosto, e poñer en valor un dos produtos máis representativos da Mariña lucense.
A cita gastronómica reuniu a veciñanza e visitantes arredor dun showcooking protagonizado por tres recoñecidos chefs da Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo, que amosaron en directo diferentes elaboracións co bonito de Burela como ingrediente principal. A Presidente da Deputación de Lugo, e Alcaldesa de Burela, Carmela López Moreno, participou no evento gastronómico, no que tamén estiveron presentes a presidenta da asociación Ledicia, Rocío Rivera Seara, a cronista do Concello de Burela e Secretaria A Moncloa, Herminia Pernas Oroza, e organizadores da feira.
Carmela López destacou a importancia de achegar á capital lucense “a ilusión que cada ano se vive en Burela coa chegada dos primeiros bonitos”, nun momento que “marca o inicio dunha nova campaña do noso adorado príncipe azul”. Con este evento sinalou que “poñemos en valor un dos nosos produtos estrela e facemos que esta praza emblemática da capital tamén viva o ambiente que cada verán se respira en Burela”. Ademais lembrou que esta iniciativa naceu coa vontade de “abrir a casa de toda a provincia a un dos produtos que mellor nos representa”. Así mesmo, puxo en valor o traballo do sector pesqueiro, da hostalaría e de todas as persoas e entidades que contribúen a manter viva unha celebración gastronómica que forma parte da identidade da Mariña lucense.Rocío Rivera convidou ás persoas asistentes a asistir a vindeira fin de semana á Feira do Bonito que cumpre 40 anos poñendo en valor este produto ligado á identidade mariñeira de Burela. Rocío, filla de mariñeiro, lembrou que durante moito tempo, “o bonito era coñecido principalmente en conserva, e esta feira conseguiu o obxectivo polo que naceu: promocionar o seu consumo en fresco e achegar á xente as súas grandes potencialidade gastronómicas”.
Pola súa banda, Herminia Pernas puxo o foco nos mariñeiros da Moncloa como protagonistas da feira e da propia vila de Burela, lembrando que “detrás de cada persoa que sae ao mar hai unha historia de vida, esforzo e dedicación”. Destacou ademais, que o bonito foi durante décadas un dos grandes motores económicos de Burela, “facendo crecer o porto burelés e a toda unha vila de tradición mariñeira”. Polo que, subliñou a cronista burelesa, “poñemos en valor un oficio artesanal, o traballo dos mariñeiros e toda unha tradición vinculada á pesca do bonito”.
A cita gastronómica contou coa participación de tres recoñecidos chefs lucenses. Juan Rubiños, do restaurante Il Farabutto, elaborou un bonito de Burela marinado con cítricos; Diego López, chef de Lugar de Pascuais, Bulló Xantar e Andar, que preparou unha tapa de raxo de bonito; e Álex Méndez, de Os Cachivaches, pechou a demostración cun arroz elaborado con este produto mariñeiro.
A Presidenta quixo recalcar o compromiso da institución provincial coa promoción dos produtos de calidade da provincia e co apoio aos sectores que “crean riqueza, xeran emprego e contribúen a fixar poboación”, destacando que “facer provincia significa que o orgullo dunha vila como Burela se converta tamén nun orgullo compartido por toda a provincia de Lugo”.
Durante a demostración, os cociñeiros explicaron ao público os beneficios e potencialidades na cociña deste produto e deron a degustar as 450 tapas elaboradas, nunha xornada que combinou gastronomía, promoción do produto local e difusión da Feira do Bonito de Burela.
A iniciativa serve así como escaparate dunha das grandes citas gastronómicas do verán galego e como convite á cidadanía para achegarse a Burela os días 1 e 2 de agosto e participar nunha feira que une tradición mariñeira, produto de proximidade e gastronomía.