Amigas das Árbores veciños e veciñas de Ourense!!!
Unha mágoa ter que comezar lembrando que a cidade de Ourense incumpre cos consellos da Organización Mundial da Saúde, coas directivas e normativas da propia Unión Europea, cos obxectivos da Axenda 2030 das Nacións Unidas. Os organismos internacionais (OMS, FAO, ONU, a propia U.E.) aconsellan (1 árbore por cada 3 habitantes e de 10 a 15 metros cadrados de zonas verdes por cada cidadán). Ourense segundo datos do Concello e dos Concelleiros do equipo de goberno ten uns 500.000 metros cadrados de zonas verdes e 10.000 árbores (dados de maio do 2025 din que hai entre urbanas e mailas beiras do Miño -dominio público hidraúlico- 8255 árbores), case que 2000 menos que no seu anterior inventario)…Ourense tiña que ter 1.050.000 metros cadrados de zonas verdes públicas como mínimo (o dobre da superficie existente hoxe), Ourense tiña que ter como mínimo 40.000 árbores adultas ben conformadas para que cumpran axeitadamente as súas funcións (unhas 30.000 árbores máis das que temos hoxe). Ourense nin hoxe cumpre nin vai a cumprir en moitas décadas os obxectivos e consellos da ONU, da Unión Europea, dos organismos internacionais.
Ourense segue estragando o seu patrimonio arbóreo!!! A última actuación do Concello de Ourense esnaquizou o pouco que lle quedaba de verde ao histórico Xardín do Posío, un xardín construído no 1846, parque-xardín orixinalmente xunguido a Cátedra de Física, Química e Ciencias Naturais do daquelas Instituto de Segunda Ensinanza (hoxe IES Otero Pedrayo), profesores do instituto viaxaron a Madrid e trouxeron do seu botánico máis de 200 especies arbóreas e matogueiras para facer do Posío un parque de referencia naquelas lonxanas datas. Hoxe 2,6 millóns de euros de investimento de diñeiro público usado en desfacer, en esnaquizar o espazo verde de máis valor da cidade; en menos de dúas semanas talladas polo pé unhas 25 árbores algunha delas centenaria. Actuacións que non seguen o recollido no proxecto inicial, actuacións que non contan con seguimento por parte de botánicos ou arboricultores que velen pola biodiversidade e a boa xestión do patrimonio vivo, actuacións que non contan con control por parte de arqueólogos estando o Posío no Casco Vello na zona histórica da cidade…
Tendo en consideración os dados oficiais enriba sinalados, Ourense e os seus veciños e veciñas non podemos permitir máis perda de árbores, máis perda de espazos verdes pois elo afonda no empobrecemento do conxunto da cidade e da súa cidadanía.
As árbores son símbolo de vida en tódalas culturas. As cidades, as aldeas, a sociedade no seu conxunto comeza a morrer cando morren, cando matan as súas árbores. A desaparición inxustificada das árbores nas rúas, nos parques, a talla polo pé tanto na urbe como ao longo das estradas son unha mostra da falla de sensibilidade, da falla de cultura da deshumanización das nosas aldeas, vilas e cidades.
A cultura e as capacidades dos cidadáns reflíctense no arboredo do lugar no que viven, tamén dos que son responsables dos seus coidados e da súa axeitada protección. Triste dicilo, máis triste observar como quen ten que facer cumprir as normas son os primeiros en estragar, en executar o patrimonio natural con total desleixo. Os arboricidios inxustificados son demostración de que estamos gobernados por negacionistas, negacionistas ambientais e sociais no máis amplo senso da verba, atentan contra a sociedade, atentan contra o conxunto da humanidade. Arboricidios convertidos nunha práctica cotiá que afonda na crise climática e na propia viabilidade económica, ecolóxica e social da cidade de Ourense.
O actual Alcalde de Ourense, ao igual cos anteriores alcaldes e os responsables políticos da cidade son culpables da perda do patrimonio vivo de máis valor, da talla polo pé, do arranque e dos danos a centos de árbores, son culpables de decapitar/desmoucar as árbores ao longo das rúas, parques e estradas sen seguir ningún criterio dos sinalados nos manuais máis básicos da arboricultura. Sr. Alcalde, Sres. Concelleiros, asociacións e colectivos da cidade de Ourense: lembrámoslles que hai unha Carta de Barcelona que recolle os Dereitos das Árbores na Cidade (1995), que hai unha Declaración Europea da Árbore Ornamental (2013); que as árbores urbanas e as que hai ao longo das estradas teñen ademais de valor medioambiental, emocional e social un alto valor económico, moi recomendable que lean a Norma Granada na que se establecen os criterios para a valoración das árbores.
A ONU estableceu os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable «Axenda 2030» no ano 2015 e recentemente aprobouse o Pacto Verde Europeo, a cidade de Ourense non cumpre con ningún dos compromisos, consellos, cartas, declaracións ou obxectivos establecidos polas institucións públicas ou pola comunidade científica.
Mais se o anterior non abonda, dámoslle outras sete razóns para protexer e coidar as árbores e zonas verdes, para xestionalas axeitadamente, para ter unha cidade máis humanizada, máis verde, máis sustentable:
1º. As árbores axudan a mitigar a contaminación e melloran a saúde dos cidadáns: as árbores, ademais de mellorar a calidade do aire, mitigan a contaminación das vilas e cidades , melloran a saúde das persoas.
2º. As árbores axudan a aforrar enerxía: as cidades sofren o efecto «illa de calor», polo que aumenta a temperatura en varios graos. As árbores evaporan auga, dan sombra e regulan a temperatura na súa contorna (arrefrían até 12 graos a temperatura no verán e fan máis mornos os invernos)…
3º. As árbores revalorizan as vivendas das cidades e poboacións: as vivendas e urbanizacións con árbores, con espazos verdes na súa contorna ou na mesma propiedade incrementan o seu valor económico entre un 10% e un 23%.
4º. As árbores combaten o efecto invernadoiro: as árbores atrapan o dióxido de carbono (CO2), o gas de efecto invernadoiro con maior impacto no cambio climático, calculase que 2.000 árbores atrapan ao ano 160 toneladas de CO2.
5º. As árbores aumentan e protexen a biodiversidade: as árbores son fogar e alimento para numerosas especies animais e vexetais. A biodiversidade e os seus beneficios é maior cantos máis árbores, canta máis vexetación e espazos verdes teña unha cidade ou poboación.
6º. As árbores conservan a calidade ambiental da contorna: as árbores producen materia orgánica, as súas raíces incrementan a permeabilidade do solo. Reducen a corrente das augas, diminúen a erosión e as sustancias químicas que van aos acuíferos e ríos.
7º. As árbores melloran a nosa paisaxe e son exemplo de cultura: as árbores son símbolo de vida en tódalas culturas, harmonizan a paisaxe. Son o contacto coa natureza dunha humanidade cada vez máis artificial que se afasta dos ecosistemas naturais.
Sr. Alcalde, Sres. Concelleiros, asociacións e colectivos, veciños e veciñas de Ourense, ESIXIMOS, SOLICITAMOS:
_ A protección e conservación das árbores que quedan na cidade e no Concello de Ourense, nas súas rúas, eirociños, prazas, estradas…A aplicación a tódalas árbores e aos espazos verdes da cidade, dos que vostedes son custodios, dos consellos e normativas existentes a nivel local, autonómico, estatal e internacional para a protección integral deste patrimonio arbóreo insubstituíble e a súa axeitada xestión. Non máis arboricidios!!!
_ A reposición das árbores que foron talladas, arrancadas, estragadas…ao longo dos últimos anos nas rúas, parques, estradas de carácter local, autonómico e estatal. Plantación de especies arbóreas axeitadas co fin de crear bulevares/alamedas que integren as estradas nas entradas a cidade de Ourense. Débense crear rúas e estradas máis humanizadas, máis sustentables, con mellor seguridade viaria…Non máis arboricidios!!!
_ Que as podas e tratamentos ás árbores sexan realizados seguindo os criterios recollidos nos tratados de silvicultura/arboricultura. Non se poden admitir máis danos, feridas, desmoucados/decapitacións…nin que as árbores sexan talladas polo pé inxustificadamente…Precisase dun Servizo Público de Parques e Xardíns con profesionais formados e con medios materiais e técnicos axeitados. Non máis arboricidios!!!
_ Elaboración do inventario arbóreo, censo e catálogo de tódalas árbores existentes na cidade.
_ Elaboración e aprobación da ordenanza que protexa as árbores e as zonas verdes co que conta a cidade e o concello de Ourense.
Ourense Cidade Termal, Ourense integrante da Rede Europea de Cidades Sustentables, Ourense cidade asinante da carta de Aalborg… Sr. Alcalde de Ourense, Sres. Concelleiros, asociacións e colectivos, veciños e veciñas, todos e todas sabemos que as árbores son indispensables para a vida dos seres humanos na Terra, todos e todas sabemos que as árbores son imprescindibles na situación de emerxencia climática na que nos atopamos…
Sr. Alcalde, Sres Concelleiros da Cidade de Ourense, esixímoslle que as árbores e as zonas verdes pasen a formar parte da prioridade dos seus gobernos, que árbores e zonas verdes sexan coidadas e protexidas axeitadamente. Lembrámoslle que as árbores son o mellor e máis eficaz antídoto contra a contaminación, son as mellores aliadas para regular as temperaturas
extremas. Lembrámoslle tamén que para conseguir unha cidade máis verde, unha cidade máis sustentable e humanizada é preciso deixarse aconsellar, e imprescindible contar co conxunto da cidadanía, débense crear órganos de participación pública sendo imprescindible a activación e constitución do Consello de Medio Ambiente.
Unha última esixencia, se vostedes lle queren a Ourense deixen de mentir e deixen de enganar, sinceridade e confianza son principios básicos para pórlle solucións as eivas.
«Se perdémolas árbores perdémolo todo!!!»