Mar de Mares vive unha xornada de sabores, natureza e conciencia nunha fin de semana de celebración dos océanos

A programación de Mar de Mares continúa durante toda a fin de semana para festexar ao grande o Día Mundial dos Océanos.

A segunda xornada do Festival Mar de Mares continuou hoxe cunha potente combinación de actividades artísticas, científicas e gastronómicas que convidan a experimentar o mar desde todos os sentidos.

Desde primeira hora, os asistentes puideron participar nun avistamento de aves na contorna da Torre de Hércules e nunha travesía en veleiro pola baía, gozando da paisaxe mariña e da biodiversidade local. Mentres tanto, no Mercado Mar de Mares ubicado no icónico Mercado de San Agustín por segundo ano consecutivo, o público abarrotaba o espazo para asistir ao showcooking do chef Moncho (Millo). A súa proposta: lombo de sardiña con fresa e vinagre de arroz, preparada coma se fose un boquerón en vinagre. Causou sensación.

“Sinceridade na gastronomía”, explicou Moncho, mentres mesturaba o peixe azul con salsa agridoce feita con vinagre de arroz, auga, panela e fresa triturada. Un prato colorido, sinxelo e cheo de coherencia coa filosofía de Millo: cociña local, sostible e sen artificios.

A xornada completouse con obradoiros de reciclaxe, charlas sobre cosmética natural, música tradicional e degustacións mariñas, consolidando o Mercado de San Agustín como punto de encontro lúdico e formativo.

ESTA TARDE: UN ENCONTRO COA VIDA MARIÑA MÁIS SALVAXE

O Festival continúa esta tarde con citas moi especiais. No Mercado Mar de Mares poderemos gozar do Encontro Inspirador con Anxo Cao, biólogo e fotógrafo mariño, que compartirá co público as súas vivencias con cetáceos e outras criaturas oceánicas. Unha oportunidade única para ver o mar a través dos ollos dun testemuño directo da súa beleza e vulnerabilidade. 

Ademais, contaremos co Encontro Inspirador na Domus (19:00h) da escritora Noemí Sabugal e o fotógrafo Pablo J. Casal para afondar na relación que temos co mar que nos rodea, unha viaxe na que recopilaron conmovedoras historias de xentes do mar moi diversas e que quedaron plasmadas en Laberinto Mar.

O peche deste primeiro día do mercado máis oceánico correrá a cargo da música de TRAM 32 e o grupo Sweet Marie.

ONTE: ODILE, A FORZA DA CONCIENCIA

Na tarde de onte, a Domus acolleu un dos momentos máis emocionantes desta edición, co Encontro Inspirador con Odile Rodríguez de la Fuente, que compartiu reflexións profundas sobre a nosa desconexión coa natureza e o papel vital dos océanos:

“O mar é a gran matriz da vida”, sinalou. “Os océanos acidifícanse, quéntanse, e iso compromete o futuro. Aínda así, podemos contribuír en positivo e restaurar”.

Odile apelou á responsabilidade individual: “Temos o don da conciencia, e iso é un legado da natureza”. Tamén lembrou a figura do seu pai, Félix Rodríguez de la Fuente, “un ser libre, apaixonado polos ciclos da vida e a cultura dos pobos”.

MAÑÁ: DÍA MUNDIAL DOS OCÉANOS. UNHA CELEBRACIÓN COLECTIVA.

Con motivo do Día Mundial dos Océanos, Mar de Mares celebra mañá, domingo 8 de xuño, unha programación especial que abrangue ciencia, arte, activismo e gastronomía:

§ Fóra do mercado:
– Avistamento de aves
– Ocean Film Fest na Domus
– Monólogo científico de Big Van Ciencia, pola tarde na Domus

§   No Mercado de San Agustín:
– 11:00 a 13:00h: Sesión de debuxo libre con Urban Sketchers
– 12:00h: Charla “Plásticos e Océanos” con Greenpeace
– 13:00h: Presentación do libro Nao Cetácea, de Xosé Iglesias
– 13:45h: Concerto do grupo Melao
– 18:00h: Encontro inspirador “Para que serve unha balea?” con Javier García Galdo e Basilio Otero

Comparte éste artículo
No hay comentarios