O Bloque Nacionalista Galego de Monterroso denuncia que o goberno municipal está a incumprir a ordenanza aprobada no pleno de xuño de 2024, na que se establecía a gratuidade do 100% das actividades de ocio para as nenas e nenos en Monterroso, e que incluía a ocioteca municipal en temporada estival, os campamentos de Semana Santa e verán, os campamentos de informática e os cursos de natación.
Segundo denuncia o concelleiro do BNG, Brais Vázquez, “resulta inaceptable que agora se lles impoña ás familias un pago de 25€ para os cursos de natación de verán, cando na ordenanza quedaba claramente recollido que esta gratuidade se mantería en vigor condicionada á obtención das subvencións de corresponsabilidade, algo que o propio Concello conseguiu no 2025”.
Vázquez engade que “non se pode xustificar este cobro ás familias cando a subvención está concedida e a ordenanza é clara ao respecto. Esta medida supón un retroceso nos dereitos e un incumprimento dos acordos adoptados polo pleno”.
Desde o BNG de Monterroso esíxese ao equipo de goberno que rectifique de inmediato esta decisión e respecte o que recolle a ordenanza, garantindo a gratuidade das actividades de ocio para todas as nenas e nenos que asistan. O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego considera que a ordenanza está suspendida xa que inclúe literalmente esta actividade de natación xunto ás demáis.
«De feito, é curioso que o equipo de goberno non o teña en conta xa que pode ser unha taxa impugnable xa que a ordenanza de aplicación é a mesma» declara o voceiro nacionalista.
O BNG de Monterroso denuncia o incumprimento da ordenanza sobre a gratuidade das actividades de ocio para a infancia
No hay comentarios
No hay comentarios