CCOO Lugo celebra unha reivindicación histórica: a Escola Infantil Gregorio Sanz xa conta con aulas climatizadas

CCOO quere expresar a súa satisfacción porque o Goberno municipal de Lugo deu resposta a unha das reivindicacións máis antigas e insistentes das traballadoras da Escola Infantil Gregorio Sanz, das familias e desta organización sindical: a climatización das aulas do centro.

Durante anos denunciamos unha situación absolutamente insostible. Nas épocas de máis calor rexistrábanse temperaturas superiores aos 30 ºC nas aulas, unha realidade que afectaba directamente ao benestar das nenas e nenos e ás condicións de traballo das profesionais. Presentamos escritos, denunciamos publicamente as deficiencias do centro e reclamamos de maneira reiterada unha solución que, incomprensiblemente, nunca chegaba.

A constancia das traballadoras, o apoio das familias e o labor reivindicativo de CCOO fixeron posible que esta demanda histórica non caese no esquecemento. Hoxe podemos dicir con satisfacción que esa loita deu os seus froitos.

Queremos recoñecer este paso e valorar positivamente que o actual Goberno municipal atendese unha reclamación tan necesaria. Durante anos, CCOO denunciou publicamente esta situación e solicitou solucións sen obter resposta. O anterior Goberno municipal nunca escoitou as demandas das traballadoras, das familias e desta organización sindical, nin mostrou vontade de abordar un problema que afectaba directamente ao benestar das nenas e nenos e ás condicións de traballo do persoal. Hoxe, por primeira vez, vemos unha actuación concreta que dá resposta a unha reivindicación histórica.

Desde CCOO entendemos que tamén é de xustiza recoñecer cando as administracións actúan. As reivindicacións sindicais non buscan a confrontación, senón mellorar os servizos públicos, as condicións laborais e a atención que reciben as nenas e nenos e as súas familias.

Con todo, esta actuación non pode ser un punto e final, senón o inicio dunha nova etapa para a Escola Infantil Gregorio Sanz. Agardamos poder manter proximamente unha reunión coa alcaldesa de Lugo para abordar o resto das actuacións que o centro continúa precisando, tanto no relativo ás instalacións como aos recursos necesarios para garantir un servizo público da máxima calidade.

CCOO seguirá tendendo a man ao diálogo e á colaboración institucional, coa mesma firmeza coa que durante anos denunciou as deficiencias do centro. Recoñecer os avances cando se producen e seguir reclamando o que aínda está pendente é a nosa forma de entender a acción sindical.

Porque as nenas e nenos, as súas familias e as traballadoras merecen unhas instalacións dignas, seguras e á altura do excelente traballo que cada día se desenvolve na Escola Infantil Gregorio Sanz.

Comparte éste artículo
No hay comentarios