«Na Coruña convócase no Obelisco ás 8 da tarde«.
O motivo desta concentración é denunciar as listas de agarda actuais e exixir uns tempos de espera razoables e adaptados ás necesidades dos pacientes.
O tempo medio de espera para cirurxía en Galicia, segundo o rexistro público do SERGAS, é de 67,1 días en decembro de 2024. É un incremento desde o 2019, xusto antes da pandemia, dun 23% en toda Galicia, a mesma porcentaxe que na Coruña, sendo esta a que ten peor tempo medio de espera de todos os hospitais con 80,2 días. O número de persoas en espera nese período incrementouse un 35%.
O CHUAC é o peor en lista de agarda cirúrxica cos últimos datos, de decembro 2024.
Para probas diagnósticas non hai grandes variacións entre 2019 e 2024. Por exemplo 75-77 días para unha ecografía abdominal, 125 e 149 días para unha endoscopia, 55-62 días para un TAC e arredor de 25 días para unha radiografía convencional.
O tempo medio de consultas médicas ao hospital era de 41,5 días en Galicia no 2019 e de 60,8 días en decembro de 2024, un incremento do 46,5%.
Na Coruña era de 35,1 días e agora, decembro de 2024, de 43 días, un incremento do 22,5%. Segundo isto, este hospital, a pesar de todo, é o que menos tarda nestas consultas en toda Galicia.
Os datos de listas de agarda non son só decepcionantes e desesperantes senón que non nos din a verdade do que sucede na realidade.
O SERGAS, coa súa xestión concreta no día a día e nas decisións estratéxicas fortalece tanto con profesionais como con recursos á sanidade privada, todo a costa da sanidade pública.
A sanidade pública non está só para casos graves, queremos unha boa atención para os graves e non graves.
Exiximos a posta en marcha de medidas de fortalecemento da sanidade pública, de transparencia na xestión das listas de agarda e dedicación exclusiva dos seus médicos.
Achégase o listado de concentracións que se van celebrar en toda Galicia.