A pulpada coa que os socialistas lucenses pechan cada ano o San Froilán rexistrou este domingo a maior participación da súa historia, con militantes e simpatizantes chegados de toda a provincia, e converteuse no punto de partida da mobilización socialista en Lugo para as eleccións xerais do 29 de novembro.
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, aproveitou a cita para situar a provincia como clave electoral, cun segundo deputado ao Congreso que o PSOE xa tivo en 2019 e que volve estar ao alcance, e pediu aos votantes progresistas que concentren o seu apoio na candidatura que encabeza Patricia Otero para o Congreso, e a de César Mogo, no Senado.
Na rolda de prensa previa ao xantar, Besteiro dirixiu boa parte da súa intervención contra Alberto Núñez Feijóo. O líder do PP puxo onte a súa xestión na Xunta como exemplo e defendeu que «se Galicia funciona, España ten que funcionar como Galicia», despois de prometer esta semana un millón de vivendas na próxima lexislatura se chega á Moncloa.
«Convén dicirlle a Feijóo que temos memoria, que sabemos perfectamente o que fixo aquí mentres gobernou», respondeu o líder socialista, que lle reprochou non preocuparse de construír vivenda pública nos seus anos á fronte da Xunta e enmarcou esta nova promesa nunha «carreira aloucada, absolutamente atolada» na que, ao seu xuízo, anda metido o PP.
B
esteiro presentou o 29N como unha elección entre dous modelos. O do PP «é o modelo da motoserra, ese modelo que vai actuar sobre as pensións, sobre os salarios dos traballadores, ese recorte permanente de dereitos». Fronte a el situou o dos socialistas, «ese modelo de ampliar, de construír novos dereitos», no que a vivenda pasaría a ser «ese novo piar do estado do benestar que situamos os progresistas no horizonte dos próximos anos».
O dirixente socialista defendeu seguir avanzando cunha economía que crece «pero sobre todo que reparte mellor ese crecemento» e resumiu o debate nunha fórmula, dereitos fronte ás dereitas, unhas dereitas que segundo el «xa non se cortan en dicir o que queren facer», como tocar as pensións e os salarios.
Boa parte da comparecencia foi unha chamada á participación, que cualificou de «importantísima», nunha provincia onde, lembrou, o PSOE quedou ás portas do segundo deputado nas últimas xerais. «Aqueles que queiran manter e seguir impulsando cara ao futuro este modelo saben que a papeleta vai ser a papeleta do Partido Socialista», sinalou.
Besteiro dirixiuse «a toda a xente que se sinta progresista» para advertir de que «outras opcións non van poder chegar», aínda que si poden dar o impulso que necesita a candidatura socialista. Para apoialo botou man dos resultados de 2023. «Triplicamos en votos o Bloque Nacionalista Galego e multiplicamos por seis os votos que tivo Sumar na papeleta do Congreso», subliñou. Aquel 23 de xullo o PSOE obtivo na provincia 59.053 votos, fronte aos 16.975 do BNG e os 10.038 de Sumar, segundo os datos oficiais do escrutinio.
A rolda de prensa rematou cunha advertencia dirixida ao conxunto do electorado de esquerdas. «Todo o mundo debe ter claro que, efectivamente, se quere parar a dereita e a ultradereita, a papeleta que serve é a papeleta do Partido Socialista», concluíu Besteiro antes de sumarse aos militantes e simpatizantes que encheron a caseta onde se celebrou a pulpada.