O coordinador local de UCIN Santiago, Diego Adrián Mallo Cao, presentou este luns no Rexistro do Concello un escrito oficial no que se recollen 13 demandas urxentes e obxectivas da veciñanza dos barrios de Volta do Castro e O Rial, zonas que levan anos esquecidas polos diferentes gobernos municipais.
Entre as reclamacións destacan:
- O traslado dos contedores ao punto aprobado pola asociación veciñal
- A instalación dunha marquesiña de autobús
- O arranxo do firme e das beirarrúas, moitas delas impracticables
- A rehabilitación dos parques infantís, que non cumpren a normativa europea
- A falta de iluminación, o abandono da zona da fonte, a maleza sen cortar e a inseguridade no túnel baixo a autoestrada, onde xa houbo accidentes
- Así como a ausencia de sumidoiros, o estado dos postes eléctricos, e a inconclusa conexión viaria con Avenida de Ferrol
UCIN denuncia tamén a discriminación evidente por parte do Concello, que alega motivos de seguridade para non mover uns contedores… mentres permite a mesma manobra noutra rúa da zona. «É incomprensible que haxa barrios con tantas carencias mentres se anuncian millóns de euros en proxectos no centro», afirma Mallo.
Desde UCIN esíxese un plan de actuación integral e con prazos, que dea resposta a estas 13 demandas mínimas para garantir dignidade, seguridade e igualdade territorial.
«Os veciños pagan impostos como todos. O que non teñen son os mesmos servizos», conclúe o coordinador local de UCIN.