Violencia de xénero: Mercedes Queixas esixe a Inés Rey cancelar o concerto de Diego El Cigala

“O Goberno de Inés Rey  non pode mirar para outro lado e amparar un artista ao que se lle acaba de confirmar unha sentenza por violencia de xénero”, remarca Mercedes Queixas

O 20 de xullo está anunciada a actuación de Diego El Cigala no Parque de Santa Margarida, dentro do festival Son do Nordés, un programa de concertos que conta coa colaboración do Concello da Coruña.

Sobre Diego El Cigala pesa neste momento unha condena a dous anos e un mes de cárcere, ditada en primeira instancia e confirmada o pasado 30 de xuño pola Audiencia Provincial de Cádiz, por malos tratos cometidos sobre a súa ex parella sentimental.

É por isto que a concelleira do BNG Mercedes Queixas acaba de rexistrar un rogo oral, para a súa lectura no Pleno de xullo do vindeiro venres 11X, para que o Goberno Local faga as xestións tendentes á cancelación desta actuación nun festival apoiado polo Concello. Xa fixeron o propio os gobernos municipais dos concellos de Elche, Murcia e Xixón.

“A violencia de xénero precisa unha fronte común, social, lexislativa, económica, xornalística, pedagóxica e política”, razoa Queixas na exposición de motivos desta iniciativa. “O Goberno Local”, acrecenta, “non pode mirar para outro lado e amparar na súa programación un artista ao que se lle acaba de confirmar unha sentenza por violencia de xénero que o condena a dous anos e un mes de cárcere”. “O Goberno de Inés Rey”, esténdese, “ten que liderar unha resposta institucional firme, contundente e coherente, en defensa dos dereitos das mulleres e en contra da violencia machista”.

“Os recorrentes minutos de silencio por cada muller asasinada teñen que se converter agora nunha clamorosa voz que arrombe a violencia machista dunha sociedade igualitaria, porque só con decisións valentes podemos evitar novas vítimas”, conclúe Queixas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios