O BNG denuncia a exclusión do galego nas campañas institucionais do Goberno do Estado e reclama medidas efectivas para garantir o seu uso

Néstor Rego convida o Goberno a “abandonar a política de mínimos e asumir de verdade a realidade plurilingüe” garantindo o uso do galego nas campañas estatais.

O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, denuncia a discriminación sistemática do galego nas campañas institucionais da Administración Xeral do Estado durante o ano 2024. O nacionalista galego, após analizar o Informe de Publicidade e Comunicación Institucional aprobado polo Consello de Ministros do pasado 24 de xuño, constata a marxinación das linguas oficiais distintas do español.

Rego critica que o informe “non achega ningún dato sobre o uso real de cada lingua nas campañas promovidas pola Administración do Estado nin o volume de difusión en cada unha delas”. “É evidente que o feito de que unha campaña estea teoricamente dispoñíbel en galego non garante en absoluto o seu uso efectivo” denuncia o deputado.

O BNG alerta de que a maioría das publicacións institucionais realizadas polos distintos ministerios na Galiza continúan a facerse exclusivamente en castelán, mesmo cando se trata de campañas con material traducido ao galego. “A lingua galega segue a ser tratada como secundaria ou prescindíbel pola Administración do Estado, o que resulta absolutamente inaceptábel” recrimina Rego.

A formación nacionalista sinala tamén que moitas das campañas consideradas de “ámbito xeral ou estatal” non se realizaron en galego nin se prevé que se fagan, limitándose, na maioría de casos, ao español excluíndo sistematicamente o galego. Isto implica, por tanto, que toda a publicidade institucional realizada na Galiza no marco desas campañas se difunde exclusivamente en español, sen presenza da lingua propia do país.

O deputado nacionalista exemplifica esta situación con campañas de interese xeral como as destinadas a promocionar os alimentos emblemáticos das zonas rurais, a dar a coñecer os Camiños Naturais, a concienciar sobre as especies exóticas invasoras, a prevención de accidentes viarios ou a loita contra a fraude laboral, entre outras, que non contaron con versións efectivas en galego.

“É un feito grave e reiterado que mostra unha total falta de compromiso co recoñecemento real da pluralidade lingüística do Estado” afirma Rego, quen insta o Goberno a modificar os protocolos de execución das campañas institucionais para garantir a súa realización efectiva en todas as linguas oficiais.

Compromiso firme co galego e a súa normalización

No concreto, o deputado nacionalista demanda que se incorporen nos próximos informes os “datos detallados sobre o número de publicacións feitas en cada lingua e os medios nos que se difunden”. Así mesmo, urxe o Goberno un compromiso firme co galego adoptando medidas que aseguren o uso do galego das campañas na Galiza, destinando recursos para garantir esa presenza efectiva.

“O executivo debe abandonar a política de mínimos e asumir de verdade que vivimos nun Estado plurinacional e plurilingüe, e que iso require compromisos efectivos coa diversidade lingüística. O galego non pode seguir a ser invisibilizado polas institucións estatais” evidencia Rego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios