O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou na presentación oficial en Sober que se trata dun proxecto “ambicioso, inspirador e solidario”.
A Xunta de Galicia apoia aos alpinistas lucenses de 3Cumios, José Manuel Prieto, Tomás Porto e Manuel Vieitez, que o próximo día 15 emprenden unha expedición para ascender ao Huascarán que, cos seus 6.768 metros, é a montaña máis alta do Perú e a cuarta máis alta do planeta fóra da cordilleira do Himalaia.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, sinalou hoxe durante a presentación que se trata dun proxecto “ambicioso, inspirador e tamén solidario”, dado que parte da orzamento recadado irá destinado á compra de material deportivo para as escolas das comunidades locais máis desfavorecidas, co fin de facilitar o acceso ao deporte coma unha ferramenta de crecemento e superación. A Xunta é a Administración que máis axuda achega e o segundo patrocinador máis importante da iniciativa.
Os montañeiros, con longas traxectorias neste deporte, crearon na Ribeira Sacra 3Cumios para “unir alpinismo, solidariedade e compromiso”. O Huascarán é o lugar do planeta con menor forza gravitatoria na superficie terrestre, e representa o desafío máis ambicioso de cantos acometeron, segundo explican. Como parte da preparación e a modo de proba de aclimatación e adestramento, tamén ascenderán ao Nevado Pisco, de 5.752 metros.
O equipo asume a dificultade do reto, xa que se estima que só entre o 40 % e o 60 % das expedicións logran alcanzar o cumio do Huascarán, pero afirman que están preparados fisicamente e mentalmente e comprométense a “intentalo con todo o noso esforzo”.