A ETS de Camiños, Canais e Portos da UDC acolle unha nova edición do seu Concurso de Pontes

O  equipo gañador competirá na fase nacional do IV Concurso de Pontes Agustín de Betancourt.

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña celebrará entre os días 23 e 26 de novembro unha nova edición do seu Concurso de Pontes, unha das actividades máis representativas do centro e unha iniciativa que permite ao estudantado aplicar na práctica os coñecementos adquiridos na aula mediante o deseño, a construción e o ensaio de estruturas. 

Esta edición contará cunha participación récord de 72 estudantes, distribuídos en 18 equipos de catro integrantes, unha cifra que triplica a rexistrada en convocatorias anteriores. No concurso participa estudantado dos graos e másters da Escola e, como novidade este ano, tamén alumnado do programa Espazo Compartido. 

O certame consiste no deseño, construción e ensaio dun prototipo de ponte empregando exclusivamente os materiais e ferramentas facilitadas pola organización. As estruturas deberán cumprir os requisitos técnicos e xeométricos establecidos nas bases da competición e serán avaliadas tanto pola súa concepción e execución como polo seu comportamento nun ensaio de carga ata a rotura, que terá lugar o xoves. 

A competición constitúe a fase local do IV Concurso Nacional de Pontes Agustín de Betancourt. O equipo gañador representará á UDC na final nacional, que terá lugar este curso en Granada xunto ao resto de escolas de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos do Estado. 

Durante os últimos meses, os participantes estiveron traballando no deseño das súas propostas e na elaboración de modelos de proba. Os días 23 e 24 de novembro construirán as súas pontes definitivas en quendas de cinco horas. As estruturas permanecerán expostas o día 25 no vestíbulo da Escola. 

A xornada final celebrarase o 26 de novembro. Entre as 9:30 e as 12:00 horas, os equipos presentarán os seus proxectos ante un xurado integrado por profesionais e representantes das principais empresas do sector. Posteriormente, ás 12:30 horas, realizaranse as probas de pesado e carga ata a rotura das estruturas. A entrega de premios terá lugar ás 14:15 horas. 

A metade da puntuación final dependerá da valoración do xurado sobre o deseño e a solución adoptada, mentres que a outra metade estará determinada polo comportamento estrutural da ponte durante o ensaio. Deste xeito, o concurso combina creatividade, innovación e coñecemento técnico nunha experiencia moi próxima aos retos reais da profesión. 

O programa inclúe ademais a participación de Héctor Beade, recoñecido deseñador de pontes de proxección internacional e antigo alumno da Escola, que impartirá unha conferencia dirixida ao estudantado e ás persoas asistentes. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios