O “I+P, Ideas para Producir” abre ata as 14:00 horas do 30 de setembro o prazo para rexistrar proxectos de cine e televisión para a súa edición de 2025, que organiza o Clúster Audiovisual Galego.
O “I+P, Ideas para Producir” abre a convocatoria de proxectos para a súa 19a edición, que organiza o Clúster Audiovisual Galego e terá lugar os días 27 e 28 de novembro na Coruña. Os traballos poderanse inscribir ata o 30 de setembro de 2025, ás 14:00 horas.
O espazo Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior centro de produción virtual de España e un dos máis avanzados de Europa, acollerá a celebración dunha nova edición deste foro profesional de exposición de proxectos audiovisuais e encontros one to one.
Neste 2025, o I+P conta co apoio da Deputación da Coruña e coa colaboración das asociacións profesionais AGAG e CREA, de Music Library & SFX e de Gadisa.
O I+P supón unha excelente oportunidade para a venda, financiación, distribución e coprodución de contidos para cine e televisión, e converteuse nun encontro de referencia para os profesionais do sector a nivel nacional.
Este foro ten como obxectivo reunir a produtores, guionistas e directores que teñan un proxecto de cine ou televisión, e que busquen alianzas empresariais de cara á súa coprodución, venda ou distribución, con directivos de canles de televisión e plataformas.
Ao igual que en anteriores edicións, seleccionaranse 18 proxectos que se presentarán o día 28 de novembro diante de destacados axentes do sector audiovisual. A continuación, celebraranse os encontros one to one entre os produtores e creadores dos traballos e os decisión makers da industria que asistan este ano ao pitching.
Tanto as Bases como o Formulario de inscrición da presente edición están dispoñibles nesta ligazón e na páxina web www.clusteraudiovisualgalego.com.
Colaboracións
O “I+P, Ideas para Producir” renovou a colaboración coa Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) e coa Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) co obxectivo de favorecer a participación dos membros de ambas asociacións no pitching cunhas condiciones preferentes.
Ademais, as empresas asociadas a algún dos clústeres audiovisuais integrantes da REDCAU, e non só do Clúster Audiovisual Galego, gozarán de descontos especiais para o “I+P, Ideas para Producir”.