A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, supervisou esta mañá os traballos que se están a desenvolver na estrada AC-862, ao seu paso polo termo municipal de Ortigueira.
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, comprobou esta mañá o desenvolvemento dos traballos de reforzo do firme na estrada autonómica AC-862 que a Consellería de Vivenda e Planificación de infraestruturas está a executar nun tramo ao seu paso por Espasante (Ortigueira).
A actuación, que se está a desenvolver entre os puntos quilométricos 51+000 e 66+000, forman parte dun contrato de acondicionamento no que tamén se inclúen as estradas AC-100, AC-102, AC-112 e AC-151, concretamente, nos concellos de Cedeira, Monfero, Mañón, San Sadurniño, Cerdido, Narón, Irixoa e Aranga. O orzamento conxunto do mesmo ascende a máis de 3,5 M€.
As obras van orientadas á regularización das zonas máis deterioradas, fundamentalmente rodeiras, fresado das zonas de firme con danos estruturais, reposición e, incluso, nalgúns tramos eliminación parcial e reposición do firme, seguida dun recrecemento, coa finalidade de mellorar as condicións de circulación e a seguridade viaria nestas cinco estradas. As actuacións completaranse co pintado da sinalización horizontal nos treitos de actuación de todas as estradas que sexa preciso.
“Con estes traballos que estarán concluídos este mesmo ano, o Goberno galego continúa a traballar na conservación das vías de titularidade autonómica co fin de mantelas nas mellores condicións, garantindo a seguridade dos usuarios e grazas a un investimento global de 68 M€, o maior orzamento da historia en materia de conservación e mantemento. A Xunta aborda este verán traballos de reforzo de firmes nun total de 57 estradas autonómicas ao seu paso por 68 concellos”, remarcou a delegada territorial. Só entre os anos 2024 e 2025 licitouse obra de mellora e firme nas estradas autonómicas das comarcas de Ferrolterra e Ortegal por importe de case 7 M€.