Jorge Soto Carballo
Este 25 de xullo non fai falla coller unha bandeira nin poñerse folclóricos. Abonda con mirar ó mar. Ou ó monte. Ou as mans dunha avoa pelando patacas. Abonda con pensar que, este mundo tolo, sería menos mundo sen esta esquina do noroeste que sinte fondo.
Porque Galicia é unha brisa salgada, un rumor de gaita ao lonxe, un prato de caldo a deshora. Abonda con escoitar o silencio dun vello sentado ao sol, co tempo nos ollos.
Aquí, dicir “ven” é poñer a mesa, e dicir “marcho” é non irse de todo.
E hai algo máis, Galicia é de todos. Dos que naceron nela e dos que a escolleron. Dos que quedaron e dos que lembran dende lonxe. Galicia non pecha portas. É terra de acollida, de camiños que levan e traen historias, acentos e miradas.
Non fai falla que o mundo entenda Galicia. Abonda con que Galicia se saiba. Porque se hai un lugar onde o vento ten memoria, onde as pedras contan historias e os ríos levan nomes de quen xa non está, é esta terra nosa que lembra incluso o que nunca pasou.
Que viva Galicia. Que viva sempre