O BNG denuncia o desleixo da Xunta ante a acumulación de area na estrada AC-440 á entrada de Muxía

O deputado Oscar Insua, logo de ter presentado o ano pasado no Parlamento galego iniciativas sobre este problema, volve a pedir que o goberno galego dea solución urxente e definitiva á situación

O BNG de Muxía vén de denunciar o desleixo e inacción da Xunta de Galiza ante a acumulación de area, provinte da praia da Cruz, na estrada AC-440 á entrada da localidade. «Tal e como se puido comprobar nestes últimos días, nin se tomaron medidas definitivas, nin tampouco se ve que actúen de forma inmediata para solventar o problema”, afirmou o deputado pola Costa da Morte, Oscar Insua, que volveu a presentar este luns 28 de xullo varias iniciativas no Parlamento galego para que a Xunta dea solución urxente e definitiva á situación de inseguridade en dita estrada.

O ano pasado, o parlamentario corcubionés xa rexistrara diversas proposicións e unha pregunta por escrito ao respecto, sen que o goberno galego teña feito nada ata o momento.

Oscar Insua denunciou que “a día de hoxe seguimos sen ter noticias sobre o estudo técnico que comezaron a realizar a AXI e Costas do Estado hai un ano, e a Xunta continúa sen actuar de forma urxente para evitar os problemas de tráfico na estrada, e namentres o vento segue soprando e a situación persiste sen solucionarse”.

O BNG afirmou que as previsións meteorolóxicas indican que vai soprar o vento de nordés nos vindeiros días, “co cal a situación pode aínda empeorar”, e sinalou que tampouco se procedeu a limpar a estrada cando se compromete a súa funcionalidade e a seguridade na circulación, “xa que a duna que se forma enriba da calzada impide o paso normal de vehículos, supoñendo un risco evidente, e nalgunha ocasión houbo incluso que empurrar coches que quedaran sobre o montículo de area que invadía ambos carrís”.

A formación nacionalista subliñou que a Xunta de Galiza xa ten máis competencias para intervir na estrada AC-440. “É o seu deber garantir a seguridade da circulación no acceso a Muxía; non só ten competencias a través da AXI, senón tamén a través da competencia na xestión do litoral que asumiu recentemente, polo que non hai escusas que poidan xustificar este desleixo e abandono”.

A voceira do BNG de Muxía, Mercé Barrientos, asegurou que “a inacción da Xunta na prevención ou solución deste problema no acceso principal a Muxía constitúe unha neglixencia, pois é evidente que o estado da calzada pode provocar accidentes”.

A portavoz nacionalista indicou que “sería bo que soubéramos se os traballos de limpeza vainos acometer a Xunta ou o Concello; en caso de que sexan os servizos municipais, pediremos que o goberno local envíe a factura dos traballos realizados ao executivo galego”.

Incongruencia da Xunta

O BNG resaltou a actitude que mantén a Xunta con esta estrada do concello. “Leva tempo rexeitando que o Concello proceda co repintado do paso de péons de Quintáns, localidade dividida en dous pola AC-440, pero si permiten ao Concello  a posibilidade de limpar a acumulación de area nesa estrada á entrada de Muxía”.

O paso de peóns para o que se pide o repintado, e que está sinalizado verticalmente, atópase na parada de bus escolar e no paso do Camiño de Santiago por esa localidade. “Resulta inexplicable que se manteñan os pasos de peóns de Suxo e Os Muíños, e se rexeite manter o de Quintáns”, manifestou Mercé Barrientos.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios