Rubén Arroxo cuestiona uns orzamentos da Xunta «que non responden ás necesidades de Lugo» e insisten na Rolda Leste

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, cuestionou os orzamentos da Xunta de Galicia para 2027 por non responder ás necesidades nin ás prioridades da cidade, mantendo pendentes actuacións clave e apostando por proxectos contestados pola veciñanza. Para a formación nacionalista, as contas autonómicas volven evidenciar a «falla de compromiso» do Executivo galego con Lugo, que precisa investimentos reais e solucións a demandas históricas.

Arroxo sinalou que a portavoz do PP e deputada autonómica, Elena Candia, deberá aclarar a súa posición ante unhas contas que non dan unha resposta suficiente á cidade: «Elena Candia ten que explicar se vai defender os intereses de Lugo ou se vai apoiar sen condicións unhas contas que non sitúan a nosa cidade entre as prioridades da Xunta», afirmou Arroxo.

Investimentos reais fronte a promesas repetidas

O portavoz nacionalista incidiu en que os orzamentos deben avaliarse polos proxectos que se executan e non só polas cantidades que se anuncian no papel. «Lugo leva anos vendo como se repiten partidas para determinadas infraestruturas mentres os proxectos non avanzan. A veciñanza precisa compromisos reais, obras executadas e solucións aos problemas da cidade», subliñou.

A aposta pola Rolda Leste: impacto no río Rato e en Bosende

Un dos principais motivos de rexeitamento do BNG é a teimosía da Xunta en manter a partida para a Rolda Leste sen ter en conta as alternativas formuladas para protexer a contorna do río Rato. O BNG alerta de que a actuación prevista:

  • Afecta gravemente a zonas verdes e carballeiras de alto valor ecolóxico que forman parte do patrimonio natural da cidade.
  • Ten un impacto directo na parroquia de Bosende, sen ofrecer solucións ambientalmente sostibles.

Arroxo lembrou que o BNG impulsou diversas iniciativas municipais, presentou alegacións técnicas ao proxecto e promoveu unha campaña de recollida de sinaturas para esixir un cambio de trazado: «A cidadanía xa expresou con claridade a súa preocupación polo impacto ambiental desta estrada; non se pode gobernar de costas á veciñanza. A Xunta debe abandonar a súa teimosía e estudar alternativas que garantan a protección dos espazos naturais», aseverou.

Exixencia de rendición de contas

O BNG reclama ao Executivo autonómico que revise de xeito urxente as súas prioridades para Lugo e insta o goberno municipal a manterse firme na defensa da cidade. «Non ten sentido comprometer recursos públicos nun proxecto que pode causar un dano irreparable ao contorno do río Rato cando existen outras prioridades sobre a mesa. Lugo precisa investimentos útiles, respectuosos co medio ambiente e pensados para mellorar a calidade de vida da veciñanza», concluíu Arroxo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios