Con todo o respecto, pero hai cousas que xa cansan. O BNG da Coruña leva meses —ou anos— xogando a un dobre papel que xa non cola. Nas redes sociais, indignación; nos plenos municipais, silencio. No Twitter todo é lume e retranca, pero na vida política real, esa que se exerce cando hai que votar, pactar ou poñer condicións claras ao PSOE de Inés Rey, todo queda nun mutis por el foro. E iso, camaradas nacionalistas, tamén é complicidade.
Porque poder, tédelo. Sen o apoio do BNG, o goberno local non ten estabilidade. E se non lle plantades cara cando hai que facelo, sodes responsables do que está pasando coa cidade. A postura cómoda de crítica en internet pero mans nos petos cando hai que levantar a voz no pleno non vale. O Festival Noroeste é só o exemplo máis recente: cada ano máis irrelevante, sen identidade, sen cidade. E vós, mentres, facendo como que vos escandalizades… pero sen mover un dedo real.
É moi bonito disparar dende a comodidade das redes sociais, onde todo o mundo aplaude e comparte. Pero a política sérvese no pleno, non no Twitter. E o que pasa coa vosa forma de actuar é que parece importarvos máis o tema privado que o público. Máis o que vos afecta no voso círculo que o que lle pasa aos barrios da Coruña.
Mentres están a roubar nas Xubias e en San Pedro de Visma, vós estades contribuíndo a poñer unha pantalla de fume. Co voso voto. Co voso silencio. Co voso cálculo. E por iso a pregunta é tan clara como incómoda: Ides preguntar no pleno que facía Pardo de Vera nesas dúas actuacións urbanísticas? Ou tan só estades para poñer o cazo?
A cidade xa está farta de teatro. A Coruña merece unha oposición valente, non unha delegación de prensa con carné nacionalista. E se sodes verdadeiramente alternativa, demostrádeo onde conta: nos feitos. Nas esixencias reais. Nos vetos cando tocan. Porque se o único que sabedes facer é indignarvos para a galería, sodes parte do problema. E co tempo, tamén sodes responsables da cidade que nos deixan.
A Coruña tamén é país. E quen non a defende cando pode, é que non quere.