O PP de Pol esixe a Lino Rodríguez o arranxo das pistas e camiños municipais “unha prioridade” para todos os veciños que o alcalde “desatende de forma consciente”

Nicole Grueira pon como exemplo as pistas da parroquia de Caraño, que se atopan nun estado “lamentable” de mantemento, sendo necesaria unha renovación do firme inmediata así como que se realicen os desbroces xa que a vexetación invade os camiños.

A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, reitera as numerosas queixas dos veciños polo “nefasto” estado de conservación das pistas e camiños municipais, situación que está a provocar numerosos inconvenientes, como picadas nas rodas: “a veciñanza de Pol está cansa de ter que sufrir a diario o mal estado” das pistas e camiños municipais, mentres ven como os poucos recursos económicos que ten ou que chegan ao Concello se destinan a outras fins moito menos prioritarios”.

Nicole Grueira pon como exemplo o estado das pistas da parroquia de Caraño. A popular explica que “eu, como moitos veciños, volvín a picar unha roda do coche que, ademais do inconveniente que supón, temos que asumir o custo do mal estado das pistas nos nosos vehículos polo total desinterese do alcalde no mantemento das vías de comunicación municipais”.

A realidade é que as pistas de Pol seguen “nun estado lamentable, inseguro e totalmente desastroso” mentres “Lino Rodríguez mira a outro lado “destinando os recursos económicos do Concello ao único que lle preocupa: o fútbol”.

Nicole Grueira afirma que “os veciños non podemos agardar máis, o alcalde ten que poñerse as pilas e comezar a destinar recursos ao arranxo das pistas, igual que fai con outras cousas que considera prioritarias e na realidade non o son”.

RECLAMACIÓNS NO PLENO

Nicole Grueira recorda que o alcalde non pode alegar descoñecemento da situación porque “ademais das reclamacións que lle realizan os propios veciños e que el mesmo tamén circula polas pistas e camiños”, dende o Grupo Municipal Popular realizamos varias reclamacións no pleno neste senso, “peticións que sempre desoíu”.

A primeira das reclamacións realizouse en outubro de 2023 e a segunda en abril deste ano, mocións nas que se instaba ao alcalde a iniciar de inmediato o desbroce e limpeza da maleza das pistas municipais, así como realizar os traballos de arranxo e pavimentación dos camiños municipais. 

“Peticións que caeron en saco roto xa que o alcalde negouse a apoialas e, polo tanto, a poñelas en marcha a pesar das numerosas queixas dos veciños e de que os camiños municipais están totalmente deteriorados, sen asfaltar, sen desbrozar, sen unha correcta sinalización e a separación dos carrís xa nin existe”, lamentou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios