ESCO Galeguista rexeita as declaracións de Roberto Barba

ESCO Galeguista manifesta a súa profunda preocupación ante as declaracións realizadas polo máximo  responsable da Xunta de Galicia en materia de violencia de xénero, o Sr. Roberto Barba, quen sostivo que “o número de asasinatos de mulleres vítimas de violencia de xénero non ten unha relación directa, causa-efecto, coa intensidade das políticas de prevención e sensibilización” ademais de responsabilizar unha vez mais ás mulleres da violencia que sofren. Algo que xa se está a convertir «na marca da casa» do goberno do Sr. Rueda.

Desde ESCO Galeguista consideramos que este tipo de afirmacións invisibilizan o papel fundamental que desempeñan as políticas preventivas e de sensibilización na erradicación da violencia machista. Constitúen, ademais, un alarmante retroceso institucional na defensa dos dereitos das mulleres e na consolidación de políticas públicas con enfoque de xénero.

Instamos á Xunta de Galicia a asumir coa máxima responsabilidade o seu compromiso coa igualdade e a loita contra a violencia de xénero. Neste sentido, reclamamos:

A restitución da Secretaría Xeral de Igualdade.

A reactivación do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero,

A recuperación do Consello dás Mulleres como espazos imprescindibles para o deseño e avaliación de políticas eficaces, integrais e con perspectiva feminista.

A prevención salva vidas. Negar a súa eficacia é perpetuar a violencia institucional.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios