“Outro dos anuncios de Tomé, coma a creación do Centro de Ciberseguridade de Renfe en Monforte, volveuse fume: creara expectativas sobre o número de empregos e as súas condicións laborais que non se cumpriron e cando pedimos explicacións, lávase as mans”, explican.
O Partido Popular volve interesarse pola situación dos traballadores de LogiRail, filial do Grupo Renfe, que prestan os seus servizos no Centro de Ciberseguridade de Monforte xa que as súas condicións laborais teñen motivado a convocatoria de folga nacional por parte do Sindicato Ferroviario.
O deputado monfortino no Congreso Francisco Conde e as deputadas autonómicas Katy Varela -tamén portavoz do PP de Monforte- e Raquel Arias mantiveron un encontro cos afectados no que lles explicaron as iniciativas que teñen impulsado dende o Grupo Municipal e tamén os deputados lucenses no Congreso.
As condicións laborais dos traballadores non son aceptables, con salarios que non se corresponden coas funcións de máis cualificación que están desenvolvendo. Por iso, Logirail, Renfe e o Ministerio de Transportes y Movilidad Sotenible teñen que asumir as súas responsabilidades cos traballadores actualizando as categorías dos contratos e eliminando as prácticas actuais de contratación temporais de 3 e 6 meses aos efectos de garantir a súa estabilidade laboral.
Os concelleiros do Partido Popular lamentan que ante as súas preguntas no último Pleno, “o alcalde se lavou as mans dicindo que é responsabilidade de Adif”. Pola súa banda, os deputados lucenses – Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades- veñen de rexistrar formalmente preguntas dirixidas ao Goberno de España para que explique a situación dos traballadores de LogiRail, se está levando a cabo negociacións ou outro tipo de actuacións.
Os populares advirten que “outro dos anuncios de Tomé, como foi o caso da creación do Centro de Ciberseguridade de Renfe en Monforte, se volveu fume”. E explican que “o alcalde socialista creou expectativas que non se cumpriron como, por exemplo, o número de empregos. Tomé afirmara no seu momento que se crearían ata 100 postos de traballo nesta plataforma vencellada ao sector ferroviario e que no 2025 habería 40 cando en realidade só hai 10 traballadores- e as condicións laborais dos mesmos -cobrando menos e en condicións máis precarias que os traballadores de Renfe realizando tarefas similares-.
“E todo isto da man de Pardo de Vera, ex presidenta de Adif e persoa próxima a Tomé” á vista de que “ten presumido de traela de pregoeira ás festas do pasado verán en Monforte” que actualmente está imputada no caso PSOE.
“O alcalde para os anuncios é moi bo, pero outra cousa é dar a cara cando as cousas non saen ben”, subliñan en relación á situación dos traballadores do Centro de Ciberseguridade monfortino e tamén en relación á investigación derivada dos informes da UCO que relacionan obras da liña Monforte – Lugo cos casos de corrupción no PSOE. Estase a demostrar que “a forma de facer política de Tomé está moi afastada da realidade e da política útil que nos piden os monfortinos. É unha política feita por Tomé e para Tomé, non para Monforte”, sinalou Conde.