A cantante e autora galega Silvia Penide chega á Feira do Libro da Coruña co espectáculo infantil «Onde está Otti?», unha combinación de cancións e teatro dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 7 anos. A actuación, que terá lugar o sábado 9 de agosto ás 17:30 h na carpa oficial da feira, é de entrada gratuíta.
Baseado no seu libro homónimo, editado por Hércules de Ediciones en galego e castelán, o espectáculo aborda cunha gran sensibilidade a perda dun ser querido, unha mascota ou un obxecto especial. Penide, que xa se adentrara na literatura infantil con «Diferentes Diferenzas» para concienciar sobre o acoso, volve a emocionar ao público máis novo con esta nova obra.
Un show interactivo e emotivo
A actuación, que dura uns 25 minutos, inclúe cancións creadas especificamente para a obra, xunto con temas do seu repertorio que encaixan perfectamente coa historia. A protagonista é Otti, unha cadela ilustrada pola artista galega Estefanía Padullés.
Ao remate do espectáculo, Silvia Penide estará na caseta de Hércules de Ediciones para asinar exemplares do seu libro, dando aos asistentes a oportunidade de levarse un recordo desta emotiva aventura.