A Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de CCOO de Galicia manifesta hoxe a súa «máis rotunda indignación» ante a campaña publicitaria impulsada polo Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra. Consideramos que esta iniciativa «desprestixia e menospreza gravemente o labor profesional da Enfermaría».
Segundo denuncia o noso sindicato, a campaña equipara a expresión: «Díxomo a miña enfermeira» con informacións sen rigor difundidas por internet, redes sociais ou mensaxes de WhatsApp, todo baixo o lema «Confía na ciencia». Para CCOO, esta comparación é «totalmente inadmisible» e constitúe un «ataque directo á dignidade e ao prestixio profesional das enfermeiras e enfermeiros».
Queremos lembrar que a Enfermaría é unha disciplina científica sólida, sustentada na evidencia, cunha formación universitaria especializada e un papel absolutamente esencial na atención sanitaria pública. «As profesionais da enfermaría non emiten opinións ao azar; desenvolven unha práctica clínica baseada no rigor académico, na investigación e na experiencia asistencial», subliñan desde a federación.
CCOO considera ademais que esta campaña «rompe o necesario respecto» entre as profesións sanitarias e contribúe a «deteriorar a confianza da cidadanía» nun colectivo fundamental para a nosa saúde.