Para os do seu tempo foi coñecido como Manolo de Mucha, para os demais era Manuel Lourenzo, o escritor, o director de escena, o actor, e por tal motivo, tamén chamado polo nome de numerosos personaxes interpretados ao longo da súa carreira.
E todas as identidades cabían nel, nese home que regresaba, vrao tras vrao ao seu Valadouro natal, a onde gustaba de traer, desinteresadamente, funcións teatrais, lecturas dramatizadas, e tras el un ronsel de persoas do mundo das artes escénicas.
Desde onte, os medios de comunicación reflicten o seu extenso currículum profesional, os seus numerosos galardóns, a súa inxente colección de obras escritas, porén, para nós, para a xente do Valadouro era o veciño que levou o nome da súa terra por toda Europa, que elevou o noso idioma á máxima categoría a través dos seus textos, e que sempre iniciaba as súas intervencións públicas dicindo: “Eu nacín en Ferreira do Valadouro, e sendo neno descubrín o teatro nunha función no antigo cine da vila”.
Así era Manuel Lourenzo, fiel ás súas orixes, entregado ao noso val e sempre coñecedor de que os grandes persoeiros o son, non por teren chegado lonxe, senón por teren presente de onde partiron.
Por iso nos dicía, a quen fomos os seus alumnos vivenciais, sempre mesturando mitoloxía e realidade como a el lle gustaba, que aquí no Valadouro naceu o país, porque aquí se refuxiou a última nobreza galega no século XV, porque aquí un mar se tornou río, e porque neste val se conservan unhas palabras que tan só aquí se escoitan: xoulada, patanexo, cachón, zarrulada… ao cabo, para Manuel Lourenzo eran palabras máxicas que introducía nos seus textos, revelando que O Valadouro e os seus falares nutriron a súa escrita, e ao tempo renacen, en cada obra por el asinada.
Explicaba con orgullo que a lingua xermánica traída polos suevos deixou pegada nos nomes de moitos lugares do val, e así, ao pronunciar Cendemil, Freitemunde, O Bermún, Frexulfe… Manuel mergullábanos noutro tempo, nese tempo en que O Valadouro naceu ao mundo, e con el a terra en que o dramaturgo soñou centos de obras de teatro.
Hoxe, sobre o escenario da eternidade, Manuel Lourenzo observa o seu Valadouro natal e seguramente invoca as fermosísimas frases que figuran nunha das súas obras, e que para min supoñen un canto á negación da morte como final absoluto:
“A nosa música non pode desaparecer. Continuaremos a escoitala nas ruelas e nas prazas do país dos nosos soños, mesmo sobre o restroballo das ruínas.
Un xardín eríxese en calquera sitio, sobre o mar que non hai ou na saudade de solpores imposíbeis.
Basta un xesto de nós para borrar ese malfado das estrelas.”
Manuel Lourenzo, sempre na nosa memoria.