Cadernos da viaxe. A Audiencia Nacional: disfuncional, centralista e antidemocrática.

A presenza da chamada Audiencia Nacional (AN) no organigrama xudicial do Estado español constitúe unha das anomalías máis resistentes á plena democratización do poder xudicial. Dende unha perspectiva galega, a supresión deste tribunal non é unha mera cuestión de organización administrativa, senón un imperativo ético e político para quen defendemos que a xustiza, para ser democrática ha de se realizar na proximidade da cidadanía e de respectar o principio do xuíz ordinario predeterminado pola lei.

A AN naceu en xaneiro de 1977 como sucesora directa do Tribunal da Orde Pública franquista (TOP). Esa mutación, realizada sen solución de continuidade, permitiu que a estrutura de excepción do franquismo sobrevivise no corazón da democracia. O artigo 152.1 da Constitución  sinala  que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) habería ser o cumio da organización xudicial no ámbito territorial deste país. Porén, a existencia da AN baleira de contido esta arquitectura, creando unha vía paralela que centraliza en Madrid o que debería ser xulgado na Galicia.

Dende a óptica das nacións sen Estado, a AN operou historicamente como un Tribunal excepcional. Se no pasado foi o foro para a loita antiterrorista -con interpretacións extensivas do tipo penal que moitas veces  vulneraron  dereitos fundamentais-, a desaparición da ETA de 2011 xirou a súa xustificación hoxendía cara unha «elástica» competencia sobre delictos económicos, de corrupción ou contra a Coroa. Esta centralización non responde a criterios de eficiencia, senón a unha desconfianza sistémica cara á periferia. Semella emitirse a mensaxe de que os tribunais galegos, cataláns ou vascos non están abondo preparados ou non son abondo fiábeis para xulgar as grandes causas que afectan ao núcleo fundamental do Estado.

Desaparecida a ETA no 2011 a AN seguiu a ser o escenario onde o Estado dirimiu os conflitos derivados do independentismo, salientando un uso extensivo do concepto do terrorismo, un uso da prisión preventiva a xeito de ferramenta de presión antes do xuizo  e máis unha praxe de serodias absolucións. Velaí a desaquelada acusación de delictos de terrorismo a 12 membros de Causa Galiza e Ceivar no 2015, que non foron absoltos até 2020, a asunción primaria da causa contra os independentistas cataláns Jordi Sánchez e Jordi Cuixart, na altura presidentes da ANC e de Omnium Cultural, a acusación de terrorismo a nove membros dos cataláns Comités de Defensa da República (CDR)  e a determinadas persoas acusadas de terrorismo polas protestas do aeroporto barcelonés de El Prat de Llobregat (Tsunami Democrâtic). Tamén, en Euskal Herria a suspensión da Herrira (organización de axuda a persoas vascas presas) no 2013 ou as desaqueladas penas de cárcere do caso  Altatsua malia desbotar a AN o delito de terrotismo que xustificou avocar o caso da Audiencia navarra. Esta desproporción absoluta de penas foi tamén evidente na causa Resistencia Galega coas penas  de 2013 para Vigo e Domínguez Fiallega (cadanseus 18 anos de cárcere e 28 de inhabilitación),  Santos e Osorio (cadanseus 10 anos de cárcere e 20 de inhabilitación).

A AN ten abusado, ademais,  da prisión preventiva  e do adiamento das causas  ao pechar 643 días ao ex presidente do FC Barcelona Sandro Rosell ou para adiar indefinidamente o axuizamento do president Pujol dende 2012, usando este adiamento  contra o soberanismo catalán.

A vulneración do principio constitucional do xuíz ordinario predeterminado pola lei é flagrante. O foro do lugar onde se comete o delito é unha garantía de imparcialidade e de dereito á defensa. Ao desprazar o proceso a centos de quilómetros, non só se encarece e dificulta a defensa técnica, senón que se extrae o conflito do seu contexto social e cultural.

 Por outra banda a AN non só é competente no eido penal, senón contencioso-administrativo e social. As sucesivas versións da  Lei Orgánica do Poder Xudicial foron atribuíndo competencias nestes sectores para garantir a recentralización da actuación administrativa e da praxe social, no prexuizo da autonomía política e administrativa e da territorialización da negociación colectiva.

 Galicia conta con profesionais da maxistratura e da fiscalía dunha solvencia contrastada para asumir calquera reto xurídico, por complexo que sexa. Suprimirmos definitivamente a AN sería un grande avance cara á normalización democrática, significando a aposta por un modelo onde a proximidade sexa o garante da liberdade, eliminando este enclave de centralismo xurisdicional que actúa como un dique fronte ao recoñecemento da plurinacionalidade.

 A supresión da AN é unha débeda histórica coas nosas liberdades nacionais e co dereito da cidadanía a sermos xulgados polo seu xuíz natural, sen excepcionalidades de ningunha caste. O intre, ademais,  é moi axeitado, polo absoluto bloqueo que vive arestora a AN, nomeadamente nas súas  ordes penal e contencioso-administrativa.

Comparte éste artículo
No hay comentarios