O PSOE de Arteixo esixe ao goberno municipal que actúe na limpeza de fincas para evitar lumes e riscos sanitarios

O voceiro socialista, Martín Seco, pide inspeccións rápidas e limpeza subsidiaria para previr incendios e garantir a seguridade dos veciños.

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentará no vindeiro pleno un rogo para que o goberno local actúe con premura na inspección e limpeza de fincas situadas preto de vivendas, tanto en zonas urbanas como rurais. O obxectivo é previr incendios forestais e evitar situacións de insalubridade que poidan poñer en risco a seguridade e a saúde dos veciños.

O voceiro socialista, Martín Seco, lembra que a lexislación obriga a manter estas parcelas libres de maleza e lixo. Ademais, o Concello de Arteixo ten un convenio asinado coa FEGAMP e a Xunta de Galicia a través de SEAGA que recolle os mecanismos para executar estas limpezas. O Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, aprobado en 2024, tamén establece a obriga de identificar aos titulares das parcelas que están incluídas nas faixas de xestión da biomasa.

«O que pedimos é sinxelo: inspeccións rápidas, requirimentos efectivos e, se non hai resposta, actuación subsidiaria a cargo dos propietarios», afirma Seco. «Non podemos arriscar a seguridade das persoas nin permitir que a falta de mantemento das fincas provoque lumes ou poña en risco a saúde pública».

Comparte éste artículo
No hay comentarios