A Deputación licita as obras de mellora da estrada provincial DP-7304 de Xarás a Olveira, en Ribeira

Os traballos, que afectarán a 4 quilómetros de vía, consisten esencialmente no extendido dunha capa de mestura bituminosa en quente e están orzados en máis de 450.000 euros

A Deputación da Coruña acaba de sacar a licitación as obras de mellora da capa de rodadura na estrada provincial DP-7304, que conecta Xarás con Olveira, no termo municipal de Ribeira, entre os puntos quilométricos 0+000 e 4+000. A intervención, cun prazo de execución previsto de cinco meses, suporá unha importante mellora na seguridade viaria e na comodidade da circulación tanto para vehículos como para peóns.

O proxecto inclúe o extendido dunha capa de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros de espesor en toda a plataforma da vía, así como o saneo previo das zonas deterioradas mediante fresado e reposición do pavimento. Antes destas actuacións realizarase o desbroce da estrada e a limpeza de beiravías e paseos peonís. Tamén se contempla a posta a cota de tapas de rexistro e sumidoiros, a construción de barbacás en pasos de peóns con melloras de accesibilidade, e a colocación de proteccións mediante reixas de aceiro nas embocaduras dos pasos salvacunetas situados xunto á senda peonil.

A actuación completarase coa reposición das marcas viarias de eixes, bordos, pasos de peóns e inscricións, a execución de bandas sonoras nas liñas de bordo e a instalación de captafaros tipo “ollo de gato” nos arcenes. No apartado de sinalización vertical prevese un reforzo mediante sinais sobre carteis amarelo fluorescente, especialmente en pasos de peóns, así como a reposición doutros elementos de defensa necesarios.

O orzamento das obras ascende a 450.593,47 euros. Con esta licitación, a Deputación da Coruña dá un novo paso no seu compromiso coa mellora da rede viaria provincial, garantindo unhas condicións máis seguras e confortables para o tránsito en Ribeira.

Comparte éste artículo
No hay comentarios