O PSdeG denuncia que os cooperativistas de Xuxán están “ao límite” e urxe a Rueda a paralizar a chantaxe da xestora

O Grupo Socialista de Galicia elevará ao Parlamento a «situación límite» na que se atopan 224 familias que aspiran a unha vivenda de promoción pública en Xuxán. Os deputados Silvia Longueira e Julio Abalde, acompañados polo concelleiro de Urbanismo da Coruña, Francisco Díaz Gallego, e por numerosos afectados, esixíronlle a Rueda que poña fin á «chantaxe intolerable» da xestora da promoción.

Desde unha das parcelas da Xunta onde se proxectan as vivendas, Silvia Longueira asegurou que as familias están «angustiadas» despois de que a concesionaria Galivivienda e a xestora Gesvieco as obrigasen a asinar, antes do 15 de agosto, unhas condicións que «destrúen por completo o carácter social desta promoción».

Subvencións públicas e alugueres que se disparan

O proxecto, que se desenvolverá en parcelas cedidas pola Xunta, conta cunha subvención de 10,7 millóns de euros de fondos europeos outorgados polo Goberno de España. Estes fondos estaban destinados a vivendas con alugueiros de entre 300 e 500 euros, pero a xestora impón agora unha achega de capital que eleva o custo a 1.000 euros mensuais.

«Isto é unha estafa con recursos públicos que se está a facer mentres a Xunta mira para outro lado», denunciou Longueira, quen advertiu que a construción leva un atraso de dous anos, poñendo en risco a perda da subvención se a obra non se executa en 2026.

Pola súa banda, Julio Abalde cualificou a situación de «intolerable» e acusou ao PP de converter un proxecto para persoas de baixos ingresos «nunha operación para investidores». O deputado anunciou que esixirá explicacións no Parlamento e pedirá toda a documentación relacionada, incluído o contrato entre a concesionaria e a xestora, que «teñen as mesmas persoas á fronte».

O concelleiro Francisco Díaz Gallego reiterou o «apoio total e permanente» do Concello ás familias e confirmou que se dirixiu á Consellería para que interveña, solicitando que se revisen as condicións e se consideren motivos para reverter as parcelas.

En nome dos afectados, Luis Allegue manifestou que están nunha «situación desesperada» e que as novas condicións son «un incremento dun 18% do capital social» sen o consenso dos socios. «Isto xa non é unha cooperativa, senón unha promotora disfrazada de cooperativa con solo público que, ademais, nós imos financiar», concluíu.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios