Formoso destaca a contribución da fábrica de Coca-Cola ao emprego e á historia industrial da Coruña no seu 65 aniversario

O presidente da Deputación recoñeceu o labor de varias xeracións de traballadores e lembrou a singularidade do edificio de cristal de Alfonso Molina, que desde 1961 forma parte da paisaxe da cidade.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe no acto conmemorativo do 65 aniversario da fábrica de Coca-Cola na Coruña, onde destacou a contribución da planta á creación de emprego na comarca e o seu vínculo coa cidade. Na celebración participaron tamén a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos.

Formoso lembrou unha curiosidade sobre a fábrica coruñesa. Cando se construíu a planta, os arquitectos Fernández-Albalat e Lois e Antonio Tenreiro  escolleron para unha compañía célebre polo celo co que garda a fórmula da súa bebida un edificio de cristal, á vista de quen entra na cidade pola avenida de Alfonso Molina. “Un dos maiores segredos do planeta, nunha fábrica transparente. Hai que recoñecer que a idea era atrevida”, comentou o presidente provincial. “Pasaron 65 anos e esta fábrica segue dándonos a benvida cada vez que entramos na Coruña. Segue formando parte da paisaxe desta cidade e da súa historia económica e social”, engadiu.

O presidente da Deputación dedicou un recoñecemento especial ás xeracións de traballadores e traballadoras que fixeron posible a continuidade da planta desde 1961. “Como alcalde dunha vila industrial, sei moi ben o que significa unha fábrica para un territorio. Significa emprego, oportunidades, futuro para as familias. Pero tamén son importantes as historias humanas que hai tras estas paredes durante moitas xeracións”, afirmou.

No remate da súa intervención, Formoso volveu sobre o segredo da Coca-Cola para poñer o acento nas persoas. Aludiu ás familias que viviron do traballo na planta e ás historias de amizade e compañeirismo que tamén se forxaron na planta e ás lembranzas persoais que todos temos asociados a esta bebida. “Esa é, amigos e amigas, a fórmula segreda da Coca-Cola coruñesa”, concluíu.

Comparte éste artículo
No hay comentarios