O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, solicitoulle hoxe a Alfonso Rueda e á Xunta que pidan ao Estado o «nivel tres de emerxencia de interese nacional» ante a gravidade dos incendios forestais. Esta declaración permitiría ao Ministerio do Interior asumir a coordinación da extinción e mobilizar de xeito máis eficaz os recursos de todas as administracións.
Segundo López, a situación é «incontrolable», e pon como exemplo o lume de Chandrexa, que considera o segundo máis grande da historia de Galicia. «É necesario ordenar e mobilizar todos os recursos», afirmou.
A xustificación para activar o nivel tres
Movemento Sumar Galicia considera que se dan todas as condicións para activar este nivel de emerxencia:
- Dimensión e número dos incendios, que son de «extrema gravidade».
- Condicións meteorolóxicas adversas, coa previsión de altas temperaturas.
- Risco para a poboación, bens e paisaxes naturais.
- Necesidade de coordinación entre administracións e mobilización de medios extraordinarios.
López tamén advertiu de que a situación xa está afectando a infraestruturas clave: «O tren non está operativo e as estradas en moitos puntos da AP-52 e A-6 están cortadas, e moitos galegos e galegas teñen dificultades para volver aos seus fogares».
O líder de Sumar Galicia, aínda que critica a xestión do PP na comunidade, subliña que agora o máis importante é «colaborar entre administracións».