CCOO denuncia que a metade do persoal do Sergas traballa de máis por incumprimento da Consellería

Comisións Obreiras (CCOO) denuncia que a Consellería de Sanidade está a incumprir o acordo de redución de xornada asinado en 2023, obrigando a máis da metade dos seus 47.000 traballadores a realizar horas extras sen a debida compensación. O sindicato acusa á Dirección de Recursos Humanos do Sergas de ignorar o compromiso de reducir progresivamente a xornada anual a 1.533 horas, equivalentes a 35 horas semanais, que debía estar en pleno vigor neste ano 2025.

Segundo CCOO, esta decisión prexudica a todo o persoal de atención primaria, tanto en centros de saúde como en PAC, e a aqueles traballadores de hospitais que non teñen quenda nocturna. A secretaria xeral de CCOO-Sanidade, Luz Fernández, asegura que «cada traballador con quenda diúrna fai un mínimo de tres días extra ao ano», o que representa «milleiros de xornadas laborais que entre todas e todos lle ‘regalamos’ á Consellería».

Incumprimento nos sábados e falta de transparencia

O sindicato tamén critica que o Sergas non está a cumprir coa eliminación da obriga de traballar os sábados pola mañá, un punto clave do acordo de 2023. Na práctica, segundo Fernández, «moito persoal médico e de enfermaría da atención primaria segue obrigado a prestar servizo nese horario».

A Consellería xustifica esta situación afirmando que están á espera dun novo Plan de Ordenación de Recursos Humanos. Porén, CCOO reprocha a «falta total de transparencia e rigor» do Sergas, xa que aínda non se presentou nin sequera un borrador do devandito plan. O sindicato advirte que a intención da Administración parece ser que o persoal siga traballando horas de máis tamén en 2026.

Luz Fernández conclúe que a actual Consellería de Sanidade está a xerar máis desigualdades que nunca entre os seus profesionais e amosa un «desgoberno» no Sergas, cunha clara incapacidade para chegar a acordos e tomando decisións unilaterais que prexudican a miles de sanitarios.

Comparte éste artículo
No hay comentarios