O Movemento Global a Gaza – Galiza chama á sociedade galega a mobilizarse o vindeiro 30 de agosto

O Movemento Global a Gaza – Galiza convoca mobilizacións en todo o país o 30 de agosto. As accións, baixo o lema “Contra o xenocidio e en apoio á Flotilla Sumud Global”, terán lugar en cidades e vilas galegas como Compostela, Vigo, Ferrol, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Fisterra, Illa de Arousa, Sanxenxo e Redondela.

O Movemento Global a Gaza – Galiza chama á sociedade galega a mobilizarse o vindeiro 30 de agosto en solidariedade co pobo palestino e en apoio á Flotilla Sumud Global, que partirá o 31 de agosto desde distintos portos internacionais para romper o bloqueo imposto polo Estado de Israel a Gaza. Están organizadas accións por mar e por terra.

As accións confirmadas na Galiza

  • Compostela: Concentración ás 12h na Praza do Toural.
  • A Coruña: Manifestación ás 12h desde o Obelisco.
  • Ourense: Concentración ás 20h na Praza Maior.
  • Pontevedra: Roteiro ás 20h desde o Hospital até a Subdelegación.
  • Lugo: Concentración ás 20h. na Praza Maior.
  • Ferrol: Encontro de embarcacións ás 12h. no Muelle de Cortina. |Recital poético no Muelle de Curuxeiras ás 20h
  • Vigo: Regata de vela solidaria ás 11h e marcha terrestre en Samil ás 17h.
  • Fisterra: Marcha ás 11h desde o Monumento ao Emigrante até o faro.
  • Illa de Arousa: Marcha pola ponte e flotilla ás 12h.
  • Sanxenxo: Marcha desde a Praza dos Barcos á Lonxa de Portonovo ás 19h.
  • A Guarda: Concentración ás 19h na Praia do Porto
  • Ribadeo: Concentración o domingo 31 ás 12:30 na Praza de España
  • Redondela: concentración o luns 1 de setembro ás 20:30h na Praza do Concello

Denuncia e solidariedade

Desde o movemento denuncian que a comunidade internacional está a asistir “en directo a un xenocidio”:

“Vidas esnaquizadas, familias destruídas, hospitais e escolas bombardeadas, persoal sanitario e xornalistas asasinados”.

Critican tamén a complicidade de gobernos europeos e institucións internacionais, “que manteñen relacións comerciais e militares co Estado de Israel mentres a infancia palestina é obxectivo do terror”.

A Flotilla Sumud Global estará composta por ducias de barcos con tripulacións de 44 países, que partirán o 31 de agosto co obxectivo común de romper o asedio ilegal imposto a Gaza por mar e entregar axuda humanitaria. Ademais, este movemento global pretende facer visíbel a solidariedade internacionalista coa Palestina.

“Palestina resiste xeración tras xeración, con dignidade e orgullo, e a súa loita é tamén a nosa. O 30 de agosto, Galiza sairá á rúa para dicir que Palestina non está soa”, sinalan desde a organización convocante.

O Movemento Global a Gaza – Galiza pide a todas as organizacións sociais, sindicais, culturais, feministas, estudantís, ecoloxistas, veciñais e políticas e ao conxunto da sociedade clvil galega, que se sumen á mobilización, e fai un chamamento especial a manter a vixilancia no caso de que a flotilla sufra sabotaxes ou ataques durante a súa viaxe.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios