Os concelleiros do Grupo Municipal do BNG, Eduardo Chao e Eliseo Teijeiro, fanse eco das demandas veciñais e presentan unha moción para o próximo pleno co obxectivo de mellorar a xestión dos residuos no concello. As súas propostas inclúen dotar de enerxía o Punto Limpo, regular a recollida de enseres e crear un servizo de Punto Limpo Móbil.
Dotar de enerxía eléctrica o Punto Limpo
A moción solicita que o Punto Limpo, que dá servizo tanto ao Valadouro como a Alfoz, sexa dotado de subministración eléctrica. Construído en 2003 con fondos europeos, a instalación non conta con enerxía, o que os concelleiros cualifican de «incomprensible». «Unha instalación tan importante para a xestión de residuos non pode estar sen enerxía eléctrica», afirman os edís, que lembran que a normativa esixe un equipamento adecuado para a separación e almacenamento de residuos.
Un servizo de recollida de enseres calendarizado e público
Outra das propostas do BNG é regular e facer público un calendario de recollida de enseres nos domicilios das parroquias. Este servizo facilitaría aos veciños desfacerse de obxectos voluminosos como colchóns, mobles ou electrodomésticos, e axudaría a evitar a creación de vertedoiros incontrolados. Os concelleiros nacionalistas sinalan tamén o «pouco coidado» no mantemento do entorno do Punto Limpo, onde a maleza xa impide ver o cartel de entrada.
O Valadouro necesita un Punto Limpo Móbil
O BNG tamén defende a necesidade de que o Valadouro conte cun Punto Limpo Móbil, un servizo xa dispoñible na maioría dos concellos da contorna. Este camión con contedores desprazaríase polas parroquias para recoller pequenos electrodomésticos, aceites, lámpadas ou pilas. «A Consellería de Medio Ambiente financia estes investimentos, polo que o Concello do Valadouro debe iniciar as xestións para conseguir este servizo tan importante», subliñan os nacionalistas.