Ambos talleres duais sumaron 40 prazas de formación teórica e práctica para persoas desempregadas en sectores con alta demanda de profesionais.
A Xunta clausurou hoxe dous obradoiros duais de emprego na Zona Sur da provincia, nos que investiu 824.000 euros. Un deles foi Ricra VIII, promovido polo Concello de Pantón xunto cos do Saviñao e Sober; e o outro desenvolveuse en Monforte de Lemos. Cada un recibiu 412.000 euros.
A directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, participou na entrega de diplomas ás persoas alumnas traballadoras. Cada taller sumou 20 prazas de formación teórica e práctica para persoas desempregadas en sectores con alta demanda de profesionais.
Ambos ofreceron a modalidade dual, que inclúe o compromiso de contratación de varios participantes en empresas da contorna por un mínimo de tres meses a xornada completa, para desempeñar funcións vinculadas ás ensinanzas do obradoiro. Estes contratos realízanse ao finalizar o taller.
O programa Ricra VIII impartiu tres especilidades relacionadas coa conservación de montes, os traballos silvícolas e a carpintería. O alumnado realizou o mantemento de zonas verdes, rutas de senderismo e múltiples espazos de interese de Pantón, O Saviñao e Sober. Tamén instalou en varios puntos elementos de madeira, como marquesiñas, cubre-contedores e diverso mobiliario urbano.
No que respecta a Monforte de Lemos, os contidos centráronse nas modalidades de carpintería e albanelería. Na parte práctica, as obras propostas foron a rehabilitación das antigas naves da escola taller A Pinguela; así como a restauración de mobiliario urbano en varias zonas.