O BNG esixe ao Goberno manter o tren das 23h entre Ourense-Monforte-Lugo e o servizo de autobús durante as obras

Néstor Rego advirte que Lugo non pode seguir perdendo servizos ferroviarios mentres o Ministerio continúa sen ofrecer alternativas reais ás persoas usuarias.

O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, rexistrou novas iniciativas parlamentarias para exixir ao Goberno do Estado e a Renfe a reposición do tren das 23 horas entre Ourense, Monforte e Lugo, suprimido recentemente, e que permitía ás persoas viaxeiras conectar co último tren procedente de Madrid.

O BNG advirte de que a supresión deste servizo supón un novo recorte nas comunicacións ferroviarias de Lugo, especialmente prexudicial para quen se despraza desde Madrid, xa que o último tren chega a Ourense ás 22.43 horas, sen dispoñer de ningún enlace posterior cara a Lugo.

“Trátase dunha conexión fundamental que viña funcionando historicamente e que permitía chegar a Lugo tras coller o último tren desde Madrid. Agora, coa súa eliminación, Lugo queda desconectada nese tramo horario” denuncia o deputado do BNG, Néstor Rego.

Durante as obras de modernización da liña Ourense–Monforte–Lugo, o servizo foisubstituído por un transporte alternativo en autobús, que se demostrou útil e necesario. Porén, Renfe eliminou tamén este servizo de bus, deixando as persoas usuarias sen opción de enlace.

“Non se pode aproveitar a execución das obras como escusa para eliminar conexións. O servizo de autobús das 23 horas debe manterse mentres duren os traballos, e o tren debe ser restituído en canto se recupere a circulación ferroviaria completa” reclama Rego.

O deputado nacionalista lembra que o BNG xa trasladou esta cuestión ao Congreso en maio de 2024, cando Renfe decidiu retirar o servizo de autobús que substituía o tren nocturno. A presión social e política obrigou entón a compañía a repor o bus, mais agora o recorte volve repetirse.

“Renfe e o Ministerio de Transportes están a reducir servizos en lugar de amplialos. Lugo leva décadas padecendo un déficit histórico en materia ferroviaria e, lonxe de mellorar, a situación empeora. O que precisamos son máis frecuencias, mellores horarios e conexións reais co resto do país” advirte Rego.

En resumo, o BNG demanda ao Goberno do Estado a reposición inmediata do tren das 23 horas entre Ourense, Monforte e Lugo. “Debe manter o servizo alternativo de autobús mentres continúen as obras na liña e garantir que o enlace ferroviario se restituirá plenamente unha vez se recupere a circulación total” subliña.

“A marxe das obras, o que falta é vontade política. Se o Goberno quixese, Lugo tería conexións ferroviarias á altura do século XXI. Desde o BNG imos seguir defendendo o dereito da veciñanza a un servizo público ferroviario digno, regular e competitivo” conclúe Néstor Rego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios