Nicole Grueira denuncia “non queremos máis mentiras” xa que “as temeridades do alcalde chegaron a un punto límite”: “unha cousa é xogar cun balón ao fútbol e outra moi diferente é xogar coa seguridade de menores”.
A voceira do Grupo Municipal Popular de Pol, Nicole Grueira, vén de rexistrar unha solicitude de comparecencia do alcalde Lino Rodríguez no vindeiro pleno municipal “para dar conta sobre a multa ao autobús municipal e as irregularidades detectadas no se funcionamento”.
Nicole Grueira afirma que tras ter coñecemento da sanción de 4.001€ polo uso do autobús sen o título habilitante para o mesmo e de que Lino Rodríguez permite que viaxen nel menores a pesar de coñecer que está prohibido “chegou o momento de que o alcalde por fin diga toda a verdade e dea as explicacións que todos os polenses merecemos”.
Nicole Grueira afirma que “chegar a este extremo é inconcibible e unha irresponsabilidade enorme” e engade que “unha cousa é xogar cun balón ao fútbol e outra moi diferente é xogar coa seguridade de menores”.
Ademais, a voceira popular recorda que “tras moitas mentiras, o alcalde por fin recoñeceu a semana pasada que é consciente da prohibición de transportar a menores” polo que “é unha temeridade enorme que puxera o autobús a disposición do campus de fútbol que se celebrou en xullo en Pol e que, ademais, percorreu varios municipios colindantes recollendo aos pequenos, incumprindo ademais a prohibición de realizar transportes intermunicipais”.