Nicole Grueira. «O alcalde de Pol gasta en percebes e bebidas de luxo os cartos dos veciños mentres o concello acumula millóns en débeda»

A portavoz do PP de Pol, Nicole Grueira, elevou o ton contra o goberno local tras trascender os reparos de Intervención sobre as desmesuradas dietas do rexedor. Os populares censuran que o alcalde cargue ás arcas públicas gastos suntuosos, incluíndo percebes e viños mercados nunha fundación que el mesmo preside, nun municipio que arrastra unha delicada situación financeira, defendendo que os recursos públicos deben xestionarse con rigor e transparencia no canto de beneficiar intereses particulares.

Nicole Grueira denunciou este mércores, tras a celebración dun Pleno extraordinario, que o alcalde do municipio «continúa a incumprir de forma reiterada as leis e as normas do Concello aprobadas co seu propio voto favorable». A portavoz popular, Nicole Grueira, puxo o foco no reparo suspensivo emitido pola Intervención municipal ao pago de dietas ao rexedor.

Segundo explicou a edil, o alcalde pretendía que a veciñanza lle pagase con diñeiro público comidas por valor de máis de 2.900 euros —algunhas superando os 300 euros e incluíndo percebes—, así como 109 euros en botellas de viño mercadas nun supermercado da Fundación que el mesmo preside. Estas facturas non só superan os límites aprobados polo Pleno ao comezo do mandato (53,34 euros por manutención e 26,67 euros por media dieta), senón que tampouco cumpren cos requisitos legais de xustificación.

Irregularidades na contratación e débeda municipal

Durante a sesión plenaria, os populares tamén alertaron de que os propios informes municipais advirten de novas irregularidades, como a contratación de traballadores, entre eles o condutor do autobús, sen seguir ningún proceso público de selección de persoal. Ante esta situación, dende o PP avanzaron que estudarán «as accións legais oportunas».

No que respecta á aprobación da Conta Xeral, o grupo popular optou pola abstención. Grueira xustificou o voto sinalando que, aínda que apoian cumprir coa obriga de elevala ao Tribunal de Contas, «non imos ser cómplices da falta de planificación e de rigorosidade por parte do alcalde e do seu goberno». Neste senso, recordou que o Concello acumula unha débeda que supera os 5 millóns de euros, o que equivale a máis de 3.275 euros por habitante, cifras que figuran nos propios informes técnicos municipais.

Faltas de respecto institucionais

Por último, a portavoz do PP lamentou a crispación vivida nun «Pleno bronco» e denunciou as continuas faltas de respecto por parte do alcalde. Segundo criticou Grueira, o rexedor chegou a cortarlle a palabra e impediulle continuar coas súas preguntas, unha actitude que «por desgraza, parece formar parte da orde do día nos plenos do Concello de Pol».

Comparte éste artículo
No hay comentarios