O PP pon en valor o traballo que realizan en Magnesitas de Rubián, a única mina de Galicia de extracción de óxido magnesio que xera 150 postos de traballo

Hai 60 anos que esta iniciativa comezou a funcionar en O Incio, sempre cun elevado grao de compromiso medioambiental, como demostra que nos últimos anos reduciu nun 30% as súas emisións de dióxido de carbono, así como recibir un premio por ter mellorado a eficiencia enerxética da planta e da mina con plantas de biomasa e fotovoltaicas para unha xestión máis eficiente dos recursos.

Os deputados do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, Héctor Corujo e Jesús Núñez, visitaron en O Incio ‘Magnesitas de Rubián’, a única mina de Galicia que extrae óxido de magnesio, un elemento que se emprega principalmente en alimentación para o gando.

Os deputados populares coñeceron todo o traballo que se realiza en Magnesitas da man do seu director xeral, Eduardo Jiménez, que lles explicou con todo detalle o proceso extractivo do carbonato magnésico na mina subterránea e a súa posterior transformación en óxido de magnesio.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, puxo en valor o traballo que realizan dende Magnesitas xa que xeran uns 150 postos de emprego. “É fundamental coñecer iniciativas empresariais coma esta que levan o nome de Lugo por todo o mundo e son fundamentais para asentar poboación en municipios eminentemente rurais”, afirmou.

Magnesitas de Rubián produce anualmente unhas 170.000 toneladas de carbonato magnésico que se queiman nos fornos a temperaturas de ata 1.000º para poder extraer así unhas 70.000 toneladas de óxido de magnesio que se exportan a países de todo o mundo, como Europa, Emiratos Árabes ou América do Sur, para pensos para o gando, principalmente, pero que tamén se poden empregar noutros usos, como en fertilizantes.

Ameijide tamén destacou o “elevadísimo” compromiso medioambiental que teñen en Magnesitas con todo o entorno no que están asentados xa que “mirando a todo o redor ninguén podería dicir que hai unha mina aquí”. Magnesitas comezou a traballar hai 60 anos como unha mina a ceo aberto, pero co paso dos anos pasou a ser unha mina subterránea. “Un exemplo deste alto compromiso medioambiental é que pode verse un gran bosque onde antes estaba a mina a ceo aberto”, apuntou.

Ademais, o voceiro popular destacou que froito deste compromiso ambiental a empresa está a reducir as súas emisións. “Nos últimos 15 anos reduciron nun 30% as emisións de dióxido de carbono e teñen en mente seguir reducíndoas”, ao que engadiu que hai pouco recibiron un premio por ter mellorado a eficiencia enerxética da planta e da mina con plantas de biomasa e fotovoltaicas para unha xestión máis eficiente dos recursos. “Hai momentos do día nos que chegan a ser totalmente autosuficientes”.

Pola súa banda, o deputado popular e alcalde de O Incio, Héctor Corujo, quixo poñer en valor a importancia de contar con iniciativas empresarias coma esta no seu municipio. “Para nós é un valor engadido contar aquí con empresas tan arraigadas ao concello e que teñen esta gran conciencia ambiental que, ademais, contribúen a levar o nome de O Incio por todo o mundo”, explicou.

Ademais, Héctor Corujo puxo en valor o traballo de Magnesitas en prol do asentamento de poboación en municipios eminentemente rurais. “Se queremos que a xente volva ao rural temos que darlles a oportunidade de formar o seu proxecto de vida nestes lugares, algo para o que é necesario facilitarlles o acceso a un posto de traballo”, sentenciou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios