A Xunta colabora con Alucem para dar resposta ás novas necesidades derivadas do seu crecemento

O delegado territorial explicou que o Goberno galego facilita á asociación un local no Castiñeiro para que poidan desenvolver as súas actividades ao tempo que se mantén a aposta por afianzar servizos neste barrio lucense.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo con representantes da Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (Alucem), na que abordaron as novas necesidades derivadas do crecemento que está a experimentar o colectivo.

Alucem ocupa actualmente un local duns 12 metros cadrados no parque de Frigsa e, segundo expuxeron os seus integrantes, precisan máis espazo para desenvolver as súas actividades. Para dar resposta a estas necesidades, a Xunta facilítalles un local na rúa Alfredo Brañas, no barrio do Castiñeiro. Trátase dun local duns 50 metros cadrados, que será obxecto de melloras con cargo aos fondos do IRPF, e con posibilidade ademais de futuras ampliacións.

O delegado territorial destacou que a Xunta segue “ao carón do noso tecido asociativo” e neste caso atende ás demandas de Alucem cedéndolles un local “que lles permitirá desenvolver o labor fundamental que realizan para mellorar a calidade de vida dos lucenses con esclerose e das súas familias”. Subliñou ademais a ubicación das novas instalacións, “que atende á aposta do Goberno galego por afianzar servizos no barrio do Castiñeiro”.

Arias lembrou ademais que a Administración autonómica colabora xa con Alucem no financiamento de distintos servizos e programas no marco das achegas a entidades sociais. Así, e entre outras accións, a asociación beneficiouse dunha subvención para contratar a un técnico de comunicación a través do Programa Coopera e este ano mantén o seu programa de atención integral en esclerose múltiple e outras doenzas afíns grazas ao cofinanciamento da Xunta a través tamén dos fondos do 0,7% do IRPF. A través deste servizo ofrece actividades psicosociais (obradoiros de memoria, terapia psicosocial individualizada…), servizos de traballo social e terapias fisioterapéuticas rehabilitadoras.

Alucem foi fundada no ano 1996 por persoas afectada por esclerose múltiple en Lugo. Na actualidade conta con máis de 100 socios e atende a persoas de 13 concellos. Nas súas instalacións prestan atención social, desenvolven eventos e ofrecen máis de 2.000 sesións de fisioterapia e de psicoloxía cada ano.

Comparte éste artículo
No hay comentarios