O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e FP, Román Rodríguez, inaugurou esta mañá o curso escolar 2025-2026 no CPI Plurilingüe de Vedra. O titular do Goberno autonómico aproveitou a visita a este centro escolar para desexar un bo inicio do ano académico a toda a comunidade educativa de Galicia.
Un total de 302.843 alumnos desde Educación Infantil ata Bacharelato incorpóranse hoxe ás aulas nun curso onde Galicia volve acadar un récord histórico de 31.766 docentes, 153 máis. Un ano académico onde a Xunta seguirá afondando na modernización do sistema emprendida o ano pasado, coa mellora progresiva das ratios, a aposta pola inclusión, a atención á diversidade e a convivencia, a nova Lei de educación dixital para reforzar o ensino híbrido, a renovación dos diferentes programas pedagóxicos e máis apoio ás familias.