O Santo Domingo Betanzos comeza a temporada

Copa Galicia para o primeiro equipo e estrea dos conxuntos júnior.

Comeza a temporada 25/26 para o club Santo Domingo Betanzos. Tras o descanso estival, e logo da primeira toma de contacto coa competición o pasado mércores, a fin de semana dos días 13 e 14 marca a volta ás pistas de varios equipos do club. Así, se o sábado ás 10h no pavillón José María Valeiro Iglesias “Tocayo”, o Infor-B, as júnior de Sergio Gómez, dan comezo á liga feminina da categoría fronte a Cambre, os júnior masculino de Antonio Díaz “Doc”, novo adestrador do conxunto tras o seu paso polo primeiro equipo, reciben o domingo ás 12 ao Compañía de María da Coruña. A semana que vén seguirán producíndose máis debuts da canteira, entre eles o dos equipos cadetes tanto masculinos coma feminino.

O Ineltrón Santo Domingo Betanzos enfróntase ao Obadoiro na Copa Galicia

Polo que toca ao primeiro equipo, e á espera do inicio da liga de Tercera FEB (antiga liga EBA) o vindeiro 5 de outubro fronte Solgaleo Bosco, o equipo adestrado por Jose Amando “Soviético” e Alberto Caamaño “Jimbo” mídese na Copa Galicia ao Obradoiro o domingo ás 17h tras unha primeira derrota fronte a Xiria Carballo por 79-73, nun partido, lastrado polo rebote defensivo, pero que deixou boas sensacións grazas á remontada de 16 puntos en contra que ao final non deu a vitoria a pesar dos 26 puntos dun entoado Jorge Abelleira.

O conxunto, que suma varias baixas no róster do ano pasado (Pepe Moreno, Pablo Sanjurjo e Brezo Sephard, fichados respectivamente por Maristas, Culleredo e o equipo canario da Escuela Felipe Antón) conta porén con varias caras novas: con pasado recente no Santo volven á disciplina do club os irmáns Javi e Santi González e Nicolás Lagares (tras un ano en COB Ourense e outro en Xiria os primeiros e unha temporada no equipo ourensán o último ) e súmanse por vez primeira ao proxecto betanceiro os escoltas Xavi Folch (procedente do CB Puerto Sagunto e formado en Ardoi) e Aarón Gómez (Club Benahavís Costa del Sol, Club de Basquet Terra L ́Alfas del Pi, Estudiantes Lugo, Globalcaja Quintanar e Ucoga Chantada) e mais o 3 polivalente Randolph Azevedo (Kempape). Xunto a eles, repiten na plantilla o veterano pivote Marcos Razos, o escolta Dani Martín, o base Jorge Abelleira e os power-forward Miguel Latas e Luis Portilla. Completan o grupo o 5 de Mali Mory Cissoko, proveniente do filial, e o cadete Arón Espiñeira.

En breve abrirase a campaña de socios e abonos para a temporada (máis información en info@santodomingobetanzos.com).


Comparte éste artículo
No hay comentarios