O Partido Popular de Galicia (PPdeG) censura as pintadas en espazos públicos por parte do BNG e da súa organización xuvenil, Galiza Nova, ao considerar que «o vandalismo non pode disfrazarse de activismo». Os populares acusan a estas organizacións de “cruzar liñas vermellas” e de causar un prexuízo económico ao ter que empregar recursos públicos na súa limpeza.
A deputada autonómica e presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, acusa directamente a Galiza Nova de actuar «como se os espazos públicos fosen da súa propiedade» e de non representar a maioría da mocidade galega.
«O que é de todos non é de ninguén e menos para estragalo», sostivo Grueira. A presidenta de Novas Xeracións tamén instou ás xuventudes do nacionalismo galego a realizar estas accións «nas súas sedes» e non nos espazos públicos que «pagamos e mantemos entre todos».
Iniciativa no Parlamento de Galicia
Ante esta situación, o PPdeG levará ao Parlamento unha proposición non de lei co obxectivo de «rexeitar e condenar este tipo de comportamentos». A iniciativa busca que as forzas políticas «asuman a responsabilidade compartida na defensa do respecto institucional e do uso responsable dos espazos públicos», xa que estes feitos «non constitúen unha forma lexítima de expresión política, senón actos que vulneran a legalidade e o respecto pola convivencia cidadá».
O PPdeG conclúe que estas actitudes proxectan unha mensaxe negativa á sociedade e, especialmente, á xuventude, á que se debe educar nunha «participación política libre, respectuosa e construtiva, afastada da imposición e do pensamento único».