Carme da Silva exixe avaliación “pública e transparente” das consecuencias xudiciais destes erros e medidas de reforzo inmediatas.
O Bloque Nacionalista Galego, a través da senadora Carme da Silva, vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado para reclamar ao Goberno español medidas urxentes que garantan a protección efectiva das vítimas de violencia machista, tras os graves fallos detectados no Sistema Cometa e recollidos na Memoria 2024 da Fiscalía Xeral do Estado.
O cambio de adxudicación do servizo: o BNG xa advertira
A senadora do BNG, Carme da Silva, advertiu de que “os erros técnicos das pulseiras telemáticas provocaron absolucións e sobresementos, deixando as vítimas nunha situación de potencial desprotección, como confirma a propia Fiscalía”. Da Silva lembrou que o BNG xa advertira ao Goberno destes problemas “desde o momento en que se produciu o cambio de adxudicación do servizo, pasando de Telefónica a Vodafone e Securitas” e insistiu en que “as mulleres non poden pagar coas súas vidas nin coa súa tranquilidade os erros dun sistema que debería protexelas”.
O informe da Fiscalía detalla que estes problemas afectaron tanto á fase de instrución como á de xuízo, “provocando unha gran cantidade de sobresementos provisionais ou sentenzas absolutorias” antes do 20 de marzo de 2024. Da Silva sinala que “os meses de transición e axuste do novo contrato non foron xestionados co rigor necesario, e iso xerou unha situación inaceptábel: pulseiras que pitaban sen motivo, erros na xeolocalización maltratadores e, como consecuencia, medo e revitimización para moitas mulleres”.
Avaliación transparente, responsabilidade ás empresas e medidas de reforzo
Ante esta situación, a senadora nacionalista reclama ao Goberno do Estado unha avaliación pública e transparente dos efectos destes fallos técnicos e das súas consecuencias xudiciais. “Débense levar a cabo medidas de reforzo inmediatas para evitar novas situacións de risco, incluíndo protocolos complementarios mentres se realizan axustes técnicos, así como unha fiscalización estrita e continua do funcionamento do Sistema Cometa para garantir que opera de forma óptima” afirma Carme da Silva. Por outra parte, exixe responsabilidades ás empresas implicadas, tanto á anterior adxudicataria como á actual, para asegurar a resolución urxente dos problemas.
Da Silva defende desenvolver melloras efectivas no Sistema VioXén, incorporando informes forenses urxentes e reforzando a prevención, tras os recentes feminicidios naGaliza de mulleres que estaban incluídas neste sistema.
Protexer as vítimas por riba de todo
“Non podemos aceptar que, en pleno 2025, haxa mulleres que teñan que apagar a súa pulseira porque non soportan o acoso dun fallo técnico, nin que os maltratadoresrompan ordes de afastamento sen que salte ningunha alarma” denunciou a senadora nacionalista. “O Goberno ten a obriga de garantir que cada dispositivo funcione correctamente e que cada vítima estea realmente protexida. A prevención e a vixilancia son cuestións de vida ou morte”.