“O Alcalde de Outeiro de Rei e o seu equipo de goberno convértense en negacionistas do xenocidio
palestino, malia que este foi declarado xa por Nacións Unidas. Néganse a alzar a voz diante da
morte de nenos e nas, da fame e da vulneración sistemática dos Dereitos Humanos” – indicou o
concelleiro nacionalista Miguel Vieito.
O BNG do Concello de Outeiro de Rei levou entre as súas iniciativas ao pleno de hoxe 25 de
setembro, unha proposta de declaración institucional, que contiña un chamado á paz e ao respecto
dos Dereitos Humanos na franxa de Gaza e Cisxordania; e en contra da actuación do Goberno de
Israel.
A Alcaldía bloqueou a proposta sen ningún tipo de acordo ou transacción ao respecto. Só se aceptou
o mantemento dun minuto de silencio, evitando o Alcalde a mención á palabra “xenocidio” e sen
unha condea expresa ás accións do Estado de Israel.
————-
Ademais desta materia, os nacionalistas preguntaron á Alcaldía polo recente anuncio de compra do
ximnasio D10 por parte do Clube Fluvial de Lugo, que podería afectar a máis de 600 familias de
Outeiro de Rei.
“Esta operación, que podería ter un custo de 1.000€, en modalidade individual e 1.500 na familiar
para cada veciño e veciña que hoxe usa do D10, non foi merecente de ningunha alusión concreta
por parte da Alcaldía. Lamentamos a escasa preocupación que o Alcalde parece mostrar diante desta
situación que preocupa á nosa veciñanza” – Indicou Noelia Fompedriña, concelleira nacionalista.
————-
Solicitouse tamén polo BNG a execución de medicións de gas radón no Concello (catalogado como
de elevado risco), para a protección dos empregados municipais; ao que tamén se contestou en
negativo.
O Pleno tamén se viu marcado polos orzamentos de 2025, aínda pendentes de aprobación no
Concello, malia a maioría absoluta popular. Os nacionalistas afean ao equpo de goberno que, máis
dun ano despois da data obrigatoria para a súa aprobación, aínda non foi quen de os aprobar
definitivamente; nun movemento que encadran no escurantismo e falta de transparencia do equipo
de goberno con respecto aos orzamentos.